Redacción . O presidente do PPdeG e candidato á Presidencia da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, apartou o 'número un' por Ourense, Luis da candidatura do partido tras decatarse de que non estaba ao corrente no pago de impostos con Facenda.
En rolda de prensa, o líder 'popular' xustificou esta decisión pola súa vontade de que non se identifique ao partido con este tipo de actitudes. “Hai apenas 24 horas tiven coñecemento de algo que por suposto descoñecía até ese momento, e comparezo de inmediato para comunicar a miña decisión respecto a este feito”, comeza o líder do PPdeG. “Tiven coñecemento de que Luís Carrera non estaba plenamente ao corrente coa Facenda pública, algo que descoñecía no momento de incluílo nas listas do partido, e por iso, agora que o sei, comunico a miña decisión de apartalo da candidatura porque esta non é a conduta que desexo nin para o meu partido nin para o próximo Goberno de Galiza”.
Luís Carrera con Alberto Núñez Feixóo.
Así mesmo, informou de que xa transmitiu a decisión á Xunta Electoral Central, de maneira que o cabeza de lista por esta provincia pasará a ser a ata agora 'número dous', a concelleira do PP en Verín Maria do Carmen Pardo.
Segundo explicou, o presidente do PPdeG comunicoulle a Carrera a decisión esta mañá e el “entendeuno inmediatamente”. “Esta mesma mañá dixen que o señor Touriño debería cesar ao seu Conselleiro de Presidencia polo despilfarro. Eu predico co exemplo. Cando suceden este tipo de situacións, para eles non pasa nada. Para min si que pasa”, apuntou.
"Non acepto este comportamento"
“Eu preséntome a estas eleccións para que Galiza se recupere desta mala situación na que está, e preséntome cun programa e cun equipo. Non o acepto nin me vou identificar nin vou permitir que se identifique o meu partido con este comportamento”, engadiu.
Ademais, afirmou que “cometín un erro por descoñecemento; e despois de coñecelo, corrixo ese erro”. “Creo que é o comportamento que se espera dun político responsábel, e creo que é así como se debe reaccionar: con rapidez e con transparencia”, concluíu o líder do PpdeG.
Descargar Tarifas