PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
Xosé Antonio
Perozo
Escritor
Feiras do libro
 23.07.2008 | 17:46

As feiras do libro foron un bo invento para sacar os libros á rúa cando as librerías eran pouco menos que templos sagrados do saber. Estabamos seguros de que a maioría da xente non lía por temor ou vergonza a entrar no establecemento, por non sentirse á altura da sapiencia do libreiro ou dos clientes cualificados. Sacar o libro ás rúas converteuse nunha teima salvadora e, moito máis, poñer o libro galego diante da mirada dos paseantes.

Hoxe existen librerías nas que os clientes fan cola para pagar. O libro está nas grandes superficies e tomaron as rúas expostos nas trincheiras dos miles de quioscos. Ó mesmo tempo, as feiras do libro foron perdendo interese e atractivo. Convertéronse en simples filas de casetas con moreas de títulos reiterados en todas elas. A chamada dos autores para asinar exemplares adoita ser un reclamo cativo e, aínda que o volume de negocio ás veces poida ser rendible, o evento máis semella un mercadillo de ocasión que unha digna aposta polo libro como soporte de cultura e de saber.

Hai que ser valentes e dicir que culturalmente non paga a pena o esforzo de programar, subvencionar e publicitar as feiras do libro polo camiño que van. Están culturalmente mortas. Hai que arriscar e procurar alternativas imaxinativas, imprimirlles ás feiras un selo de prestixio social e sacalas do reduto do tendeiro que amosan. Non lle debemos pechar a porta a ningún tipo de libro nin lingua, pero en primeiro lugar faise necesario apostar polo libro galego con decisión e en segundo polo libro en xeral como obxecto de valor. Se non é así, que peche o último en saír e tire a chave ó mar.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil