PUBLICIDADE
Domingo, 18 de maio de 2008
O Azkar tamén gañou en Torrejón
Fazaña do Lobelle na pista do Interviú

Redacción .  Sensacional comezo dos equipos galegos no 'playoff' polo título de fútbol sala. O Lobelle venceu na pista dun dos principais favoritos por 4-5 mentres que o Azkar tamén sumou unha vitoria ante o Carnicer (1-3).

 07.05.2008 | 08:37

Imaxe do Interviú-Lobelle
Imaxe do Interviú-Lobelle. LNFS

O Lobelle de Santiago protagonizou a gran sorpresa do primeiro partido do playoff polo título no fútbol sala estatal ao vencer (4-5) na cancha de Interviú Fadesa, un dos grandes favoritos para o triunfo final. Ambos os conxuntos saíron á cancha con intensidade pero sen correr demasiados riscos, polo que as ocasións non foron demasiadas nos primeiros intres. Schumacher abriría o luminoso no minuto 6 para os locais, tanto ao que respondía Miguel aos sete minutos para acadar unha igualada que segundos despois desfacía Schumacher marcando o seu segundo da noite a pase de Torras. Antes do descanso, o brasileiro convertería o terceiro para asinar o seu `hat trick´ e estabelecer un claro 3-1 para a `máquina verde´.

Porén, tras o descanso as cousas cambiarían co gol de Alemao mediada a segunda metade, momento a partir do cal os de Venancio López subiron as liñas, para máis tarde pór en xogo ao porteiro-xogador en busca do empate. Así as cousas, Interviú, que parecía ter encarrilado o partido ante a súa afección, sufriu unha desafortunada xogada na que Neto, a falta de dous minutos para a conclusión do partido, marcou un gol en propia meta, tras o que chegaría a prórroga. Foi nos cinco minutos engadidos nos que os santiagueses lograron a vitoria con dous goles de Carlinhos, mentres que os madrileños só materializaron un, obra de Joan nada máis comezar.

Vitoria importantísima para os galegos e trompazo para os madrileños, que viaxarán á cancha do Multiusos Fontes do Sar coa obriga de gañar, para continuar vivos na loita por un título que non alzan dende hai tres tempadas.

Tamén o Azkar comezou co éxito a súa andaina nas eliminatoria ante o Carnicer. Madrileños e lucenses protagonizaron un dos encontros menos eléctricos da noite. A igualdade e a importancia do que estaba en xogo restaron espectacularidade a un encontro no que non chegaron os goles ata o minuto 17 de xogo, cando Werner aproveitaba un córner para adiantar aos de Bruno García ata logo da continuación. Foi Juanra o que, nunha xogada individual con Jesús García, fixo as táboas no luminoso da pista de Torrejón.

Con todo, poucos minutos despois, Fernandinho anotaba por dúas veces para pechar o marcador co 1-3, que favorece notablemente aos lucenses de cara ao próximo encontro en terras galegas, onde os rivais dos galegos terán que intentar seguir con opcións de pasar a semifinais.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil