PUBLICIDADE
Mércores, 08 de outubro de 2008
TEMOR Á DESCONFIANZA NA ECONOMÍA
Fadesa non pode contar coa axuda da Xunta

Manuel Vilas 'O goberno non debe ser un hospital de empresas en crise', advirte o presidente da Xunta aos accionistas da inmobiliaria Martinsa-Fadesa, entre os que están a sobriña de Amancio Ortega e Caixanova.

Reloxo 17.07.2008 | 13:40

Emilio Pérez Touriño Emilio Pérez Touriño

Máis de media hora botou esta mañá o presidente da Xunta para tentar minimizar o impacto da crise de Martinsa-Fadesa en Galiza. Emilio Pérez Touriño aportou datos -como que a porcentaxe de vivendas por construír no país que dependen desta firma é do 3 por cento- pero admitiu estar “preocupado” ante un “caso importante de por si e pola desconfianza que poida xerar”.

Non mercará terreos de Fadesa

En todo caso, o líder socialista botou un caldeiro de auga fría sobre as esperanzas de que a Xunta acudise ao rescate mediante a compra de terreos de Fadesa para construír vivenda protexida. “Non haberá financiamento ou fondos públicos para asumir os riscos da actividade empresarial, nin neste nin en outros casos”, foi unha das súas primeiras frases. “O goberno da Xunta non debe ser un hospital de empresas en crise”, concluíu.

O presidente mostrouse contra a “teoría do Estado como hospital de empresas enfermas” e dixo que son os investidores da sociedade –entre os que hai capital galego a través da sobriña de Amancio Ortega e Caixanova– os que deben asumir as consecuencias.

Vivendas públicas pendentes na Coruña

Touriño utilizou varios argumentos a prol da non intervención pública. Así, dixo que a maioría das vivendas de Fadesa sen acabar son segundas residencias para as vacacións que “non afectan a persoas de renda baixa”. Tamén indicou que a inmobiliaria non ten pendente por construír vivenda pública, salvo unha promoción de vivendas de aluguer no Polígono da Zapateira, na Coruña.

O mandatario insistiu no feito de que a maioría do chan da sociedade está fóra de Galiza. Ademais cifrou no 3 por cento a porcentaxe de chan que posúe no país de todo o terreo edificábel.

Sen iniciativas novas

Porén, admitiu que a aplicación da lei concursal a Fadesa supón “o caso máis importante da Historia recente de España”. Para paliar o seu efecto na economía do país comprometeu “facer máis estradas e infraestruturas”, impulsar a vivenda protexida, a rehabilitación de casas e as axudas ao alugueiro. Todas elas, medidas xa anunciadas previamente.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil