PUBLICIDADE
Xoves, 11 de marzo de 2010
BLOG OSCAR LORENZO
Óscar
Lorenzo
Xornalista
Facer rotacións é un luxo
Diante do Salamanca, Roberto Trashorras quedou na bancada. Eusebio, implicitamente, defendeu as rotacións para engraxar o bo ambiente do vestiario. É o momento oportuno para estas decisións?
 09.02.2010 | 12:42

Roberto Trashorras Roberto Trashorras. Paco Vilabarros

Gustoume Trashorras. Dixo o que pensaba sen que houbese nas súas palabras nin reproches nin egoísmo. Os datos avalan o seu bo estado de forma no último mes e deixalo na bancada sempre é un luxo, nestes momentos un malgasto, opino.

Á parte de ser o máximo goleador do equipo e ter un alto índice de asistencias, Trashorras é un tipo de futbolista que enriquece máis que o avecrem. Ten imaxinación, talento, técnica e esa pinga de xenio capaz de encontrar a mellor opción entre mil.

Quizais estou esaxerando e non hai ningún futbolista imprescindíbel. Pode ser. Pero reto a calquera, incluído Eusebio, a que me digan cales foron as vantaxes de non contar co de Rábade, nin tan sequera como recambio para a segunda parte.

Eusebio non xustificou a súa convocatoria para o partido contra o Salamanca. Paréceme lóxico. Pero si deu unha mensaxe: non quere que ningún dos vinte e tantos xogadores que forman parte do plantel se sinta alleo, deixe de estar motivado na segunda volta. Como estratexia de xestión humana paréceme de manual e non podo oporme. Pero é esa a prioridade do Celta arestora?

Quero dicir que neste momento o Celta ten unha necesidade urxente de gañar partidos, en especial na casa. E esa ansia competitiva debería estar por riba de calquera outra cousa. Se para gañar hoxe hai que "incomodar" algúns membros do equipo, non paga a pena o sacrificio? E digo máis. Non será peor o remedio que a enfermidade? E se é Trashorras o que considera que o seu traballo e o seu esforzo non serven de nada? Interésanos máis que estea a gusto o 10 ou Danilo, por poñer un exemplo?

O Celta vive un momento moi transparente. Iso hai que agradecerllo a Eusebio. Non é un técnico con exceso de protagonismo nin quere aparentar ser todopoderoso, algo moi común noutros adestradores, incluso nos moi bos. As súas decisións teñen aínda as costuras á vista, como todas as técnicas aínda non automatizadas. Esa inexperiencia tena que corrixir a base de caer e levantarse. Espero que a convocatoria do último partido sirva para que se dea conta de que, se quere triunfos, por riba dos esquemas, por riba dos compromisos cos seus xogadores, agora prima premiar o esforzo, apostar polos que teñen electricidade nas pernas e o corazón a brotarlle no peito. Trashorras é un deles; Túñez, por certo, é outro. Curioso que nese caso Eusebio si premie o compromiso e poña como titular un rapaz con moitísimos menos galóns que David Catalá. Nese caso, as estatísticas danlle a razón e fai ben usalas ao seu favor.

Oxalá para o partido contra o Levante volva facerlles caso: Hai xogadores como Danilo, Botelho ou Noguerol que están uns chanzos por baixo de homes como Vasco Fernandes, Michu, Toni Rodríguez, Papadopoulos ou Dani Abalo en nivel de fortaleza mental e concentración. Sería bo que todos tivesen oportunidades. Pero mellor deixar iso para cando o equipo estea a salvo. Que opinades?

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río