Redacción . O equipo profesional galego de ciclismo suma outro triunfo nunha tempada histórica grazas a Ezequiel Mosquera, que defendeu a primeira praza que acadou no alto de Navacerrada e obtivo a vitoria final en Alcobendas.
O alcalde Alcobendas impón o maillot a Mosquera. KG
Ezequiel Mosquera, do equipo Karpin Galicia, proclamouse vencedor absoluto da Clásica Internacional de Alcobendas, logo de conseguir defender con éxito nas dúas etapas da última xornada a camisola amarela brillantemente conquistado o sábado no alto de Navacerrada. Mosquera tamén se adxudicou a montaña e a formación galega, a pesar do desgaste realizado na defensa do liderado, conseguiu un cuarto posto por equipos entre os dezaoito participantes. As dúas etapas da última xornada decidíronse ao sprint con vitorias para o australiano Baden Cooke (Barloword) e o italiano Riccio (Tinkoff).
O xefe de filas engade dúas novas vitorias ao incipiente palmarés do Karpin Galicia, que a estas alturas do ano supera os éxitos alcanzados en toda a tempada pasada, a da súa estrea no pelotón internacional, tanto en número de vitorias conseguidas como no prestixio das mesmas. Catro leva conseguidas no 2008: etapa na Volta ao País Vasco, Volta a Turquía, etapa e xeral na Clásica Internacional de Alcobendas.
Álvaro Pino, que non adoita contar unha peza ata que a ten no cesto, transmitía seguridade na vitoria final despois do éxito alcanzado por Ezequiel Mosquera no alto de Navacerrada. “O máis difícil era o que fixera na primeira etapa. Un minuto e once segundos era unha renda que daba bastante, aínda que nunca estas libre de calquera contratempo nin che aforra o traballo, porque sempre hai que traballar. A etapa desta mañá foi a máis complicada porque soprou algo de vento e producíronse uns cortes, que deixaron na cabeza da carreira un grupo de corenta corredores no que só metemos a Ezequiel e a Mayoz. Nese momento Ezequiel púxose un pouco nervioso, pero, eu que teño xa un pouco de experiencia nisto, díxenlle que non perdese a calma que a situación arranxaríase, como así foi, porque o pelotón volveu a reagruparse”.
Na etapa da tarde “houbo que seguir traballando, pero controlámola mellor. Foise por diante un grupo de once corredores, con algúns de eles a 2-52 do liderado de Ezequiel, pero os mantivemos sempre a 40, 50 segundos. Nas primeiras voltas foi tirando Abal e logo foi entrando o resto do equipo, con Mayoz, que andou moitísimo, sempre como home máis próximo a Ezequiel. No tramo final xa foi todo moito máis fácil, porque os sprinters queren unha chegada masiva e o que ten o sexto posto, que tanto sufriu para conseguilo o día anterior en Navacerrada, non vai deixar que llo quiten a última hora. Así que se chegou de novo en grupo”, engadiu Álvaro Pino.
O director deportivo do Karpin Galicia comentou finalmente: “Este triunfo daralle confianza a Ezequiel para convencerse de que é un dos mellores corredores do pelotón internacional en carreiras por etapas. E sabe tamén, que dentro da modestia, ten un bo equipo ao seu lado para apoialo incondicionalmente”.