PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
Referendo revogatorio
Evo Morales proclama a vitoria e ofrece diálogo

Redacción .  O presidente de Bolivia declarouse vencedor do referendo revogatorio deste domingo, tras coñecer os resultados das primeiras sondaxes. Evo Morales ofrece diálogo á oposición e anuncia que vai proseguir coa súa política de nacionalización.

Reloxo 11.08.2008 | 08:55

Evo Morales Evo Morales

Unhas tres horas despois de que as primeiras sondaxes ratificaran ao presidente de Bolivia con máis do 60 por cento dos votos, Morales encabezou unha buliciosa celebración na rúa fronte ao pazo gobernamental na Paz. Alí prometeu, ao grito de “patria ou morte, venceremos”, seguir coa súa política socialista.

Evo Morales asegurou que vai respectar a “lexitimidade” dos prefectos opositores, ratificados tamén no mesmo referendo, e ofreceulles compatibilizar os seus procesos de autonomía cunha nova Constitución, buscando resolver a crise política que ameaza con dividir o país.

“Estamos acá para seguir avanzando na recuperación dos recursos naturais, na consolidación das nacionalizacións, na recuperación das empresas do Estado”, proclamou ante decenas de miles dos seus seguidores que lle pedían “man dura” con algúns opositores.

O ton do presidente boliviano contrastou co ameazante discurso previo do tamén ratificado prefecto de Santa Cruz, Rubén Costas. O líder dereitista advertiulle ao Goberno que se mete nunha “rúa sen saída” se pretende seguir adiante co seu plan de cambio constitucional.

Primeiro referendo

Morales, que asumiu o poder en xaneiro de 2006 e ese mesmo ano nacionalizou a industria de hidrocarburos –que exporta vitais subministros de gas á Arxentina e ó Brasil-, saudou a participación cidadá no primeiro referendo revogatorio dun mandato efectuado no país.

Ademais, o presidente de Bolivia sinalou que, tras a súa ratificación, ten a obriga de unir aos bolivianos, algo que, asegurou, só será posíbel “xuntando a nova Constitución cos estatutos autonómicos”, aprobados sen permiso do Goberno por catro departamentos liderados por Santa Cruz, o motor económico do país máis pobre de Sudamérica.

“Convoco a todos os prefectos a traballar primeiro pola unidade dos bolivianos, respectando as normas”, engadiu, sen dar sinais de cando vai ter lugar o anunciado referendo para aprobar a nova Constitución “plurinacional” e de liña socialista.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil