Carlos Méndez . O Deportivo e Estrella Galicia chegaron a un acordo para que a empresa cervexeira se converta de forma inmediata no patrocinador do equipo coruñés. O acordo ten unha duración dunha tempada e media, até o 30 de xuño de 2010.
O Deportivo estrea patrocinador. O equipo coruñés lucirá na súa camisola o logotipo de Estrella Galicia durante o próximo ano e medio, despois do acordo alcanzado esta semana polas dúas partes. A espera foi longa e as negociacións leváronse con moita discreción. O Deportivo xa xogou esta tempada 42 partidos oficiais coa camisola limpa de publicidade, pero mañá domingo levará por primeira vez o patrocinio de Estrella Galicia no partido que xogará en Xixón contra o Sporting. O acordo prolongarase até o 30 de xuño de 2010, segundo anunciou hoxe o propio Deportivo. As dúas partes xa negociaran a comezos desta tempada o posíbel patrocinio, sen chegar a un acordo, pero a situación cambiou co paso dos meses. O presidente coruñés, Augusto César Lendoiro, pedía nun principio unha cantidade próxima aos 1,5 millóns de euros por tempada, confiando no tirón da participación do equipo na Copa da UEFA. As negociacións seguiron nos últimos meses e agora o acordo xa é unha realidade, pero tanto o Deportivo como Estrella Galicia manteñen polo momento en segredo as cifras que pagará a empresa cervexeira polo patrocinio. O Deportivo estaba sen patrocinador dende o pasado mes de xuño, cando rematou o seu contrato de sete anos con Martinsa-Fadesa. A crise da empresa construtora non chegou a afectar directamente ao equipo coruñés, que xa cobrara o acordado, aínda que se rompeu calquera posibilidade de que seguise o seu patrocinio. Lendoiro chegou a pedir publicamente a axuda da Xunta, a través do Xacobeo, e tamén lle mandou unha mensaxe pública a Estrella Galicia nunha comparecencia ante os medios de comunicación. A empresa cervexeira atendeu finalmente a súa petición. O Deportivo era un dos dous equipos de Primeira que comezaron a tempada sen patrocinador. O outro segue sendo o Racing de Santander, aínda que outros conxuntos pasan por serios apuros, coma o Valencia, que non cobra o pactado no seu momento con Valencia Experience. O diñeiro que aportará Estrella Galicia era importante para axustar os orzamentos, xa que o equipo coruñés incluíra nos seus presupostos unha partida total de oito millóns de euros en concepto de ingresos por publicidade. O Deportivo une así o seu nome a outra das empresas coruñesas máis potentes.
Xogadores do Deportivo.
O Deportivo viaxa hoxe sábado a Xixón con seis lesionados. O adestrador Miguel Ángel Lotina convocou a 18 xogadores para o partido que o seu equipo xogará mañá (17h00 horas) contra o Sporting. A única novidade é a ausencia de Seoane, que regresa ao segundo equipo. Zé Castro, Antonio Tomás, Mista, Manuel Pablo, Bodipo e Cristian non entraron na lista por lesión. A convocatoria completa está formada por Aranzubía, Munúa, Laure, Lopo, Colotto, Adrián López, Pablo Amo, Filipe Luís, Sergio, De Guzmán, Juan Rodríguez, Verdú, Valerón, Lafita, Pablo Álvarez, Guardado, Lassad e Riki.
A principal dúbida na aliñación está no centro da defensa. Lopo superou as súas molestias nas costas e non terá problema para xogar contra o Sporting. A incógnita é o seu acompañante. Colotto e Adrián López son os dous xogadores que poden estar no once titular. No Deportivo aínda se lembra a contundente vitoria dos xixoneses en Riazor na primeira volta (0-3) e varios xogadores xa mostraron o seu desexo de vinganza deportiva.
Descargar Tarifas