Redacción . Un xurado de militares estadounidenses condenou este mércores a un ex chofer de Osama Bin Laden, acusado de suministrar material de apoio ao terrorismo. Este é o primeiro xuízo por crimes de guerra levado a cabo polos Estados Unidos dende a Segunda Guerra Mundial.
A sentenza, que se fixo pública este xoves, determina que o iemení Salim Hamdam terá que cumprir cinco anos e medio de cade, malia que se enfrontaba a unha pena máxima de prisión perpetua. Os membros do xurado deliberaron algo máis de oito horas antes de alcanzar o seu veredicto. En Washington, o portavoz da Casa Branca, Tony Fratto, asegurou que o goberno estadounidense estaba satisfeito de que o ex chofer de Bin Laden recibira un xuízo “xusto”, pensando nos futuros procesos para presos en Guantánamo. “O sistema da Comisión Militar é un proceso legal xusto e apropiado para o procedemento de alegado dos detidos que cometeron crimes en contra dos Estados Unidos e dos seus intereses. Estamos agardando que outros casos vaian a xuízo”, dixo. Condena do proceso Pola súa banda, a Unión Americana das Liberdades Civís (ACLU, siglas en inglés) considera que o proceso do tribunal foi un erro en si mesmo. “Calquera veredicto resultante dese defectuoso sistema traizoa os valores estadounidenses. As regras para a comisión militar de Guantánamo están tan equivocadas que nunca se fará xustiza. Dende o principio até o final, foi un desastre monumental para a xustiza estadounidense”, comentou o director da ACLY, Anthony Romero, nun comunicado. Este é o primeiro xuízo que completa o polémico tribunal de Guantánamo, autorizado polo Goberno do presidente George Bush, para facer procesos a prisioneiros non estadounidenses acusados de terrorismo á marxe da xustiza ordinaria, tanto civil como militar.
A Casa Branca