PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
fin da TV analoxica
Especulación coas licenzas da TDT local

Manuel Vilas Varias concesionarias tentan vender os seus permisos mesmo antes do apagamento analóxico

Reloxo 07.02.2010 | 09:25

Debate en Televigo Debate en Televigo

Polo menos dúas televisións galegas, Televigo e Canal 31 Ferrol, esquivarán o apagamento analóxico. Estas emisoras confirman a A Nosa Terra que continuarán máis alá do 3 de abril, malia non ter licencia fime.

O apagamento é máis que a extinción do sinal aplicada xa no 50% do país. A administración estableceuno para ordenar o caos de pequenas televisións que emitían sen permiso, na alegalidade.

A Xunta repartiu 48 concesións de TDT en dous polémicos concursos, dos que se beneficiaron grandes operadoras estatais e editoras dos diarios galegos. Varias compañías do país ficaron fóra, malia levar décadas no aire.

“Somos a televisión local máis antiga de Galicia, emitimos dende 1995”, argumenta un directivo de Televigo. Este alto cargo confirma que “dentro dun mes” emitirán en dixital. Iso malia que, en teoría, a lei condénaos a pechar o 3 de abril.

A clave é que Televigo recorreu o reparto de licencias –decidido polo PSdeG, e do que o BNG se descolgou. A emisora seguirá mentres chega unha sentenza firme do Supremo.

Algo similar pásalle a Canal 31 Ferrol. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o reparto nesa comarca porque emitir en cadea é ilegal. Porén, o bipartito deu a maioría de canais a grandes operadoras, que se vestiron con diferentes nomes en cada comarca. Fraude de lei para o TSXG, que en Ferrol arrebata unha licencia a Prisa e dálla ao denunciante, Canal 31.

A Xunta recorre e gaña tempo

A Xunta adianta a A Nosa Terra que xa recorreu ao Supremo a anulación de Ferrol. Tamén a anulación de Pontevedra, reparto que o TSXG derrubou tras o recurso de Canal Rías Baixas. Mentres se enmarañan os preitos, o Goberno semella que tolerará emisoras TDTs locais sen licenza.

Así, para o caso de Canal 31 o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, apunta que “a sentencia do TSXG aínda que non é firme, si lle recoñece unha concesión, polo que creo que o máis axeitado sería adoptar, cando menos transitoriamente, medidas cautelares para evitarlle posíbeis prexuízos ao servizo público de televisión nesa demarcación, así como aqueles de carácter económico que lle poda causar un cese”.

Luís Guntiñas, director da canle ferrolá, negocia contrareloxo un oco nas antenas públicas. Canal 31 láiase que mentres tanto as outras concesionarias (La Capital, Prisa e Prensa Ibérica) non están investindo. O mesmo denuncia Televigo sobre as TDTs autorizadas na súa cidade (Prisa, Prensa Ibérica e La Región).

Salvo contadas excepcións –por exemplo, Correo TV en Santiago ou Canal Rías Baixas no Barbanza– ningunha das 46 concesionarias locais explotará a concesión antes do apagamento. No aire fican os 1.675 empregos e os 143 millóns prometidos polos grandes grupos. Incluídos os 148 traballos de La Voz de Galicia e os 40 da COPE comprometidos para as dúas TDTs autonómicas.

“Os grandes medios que se apuntaron para ter grandes cadeas están abocados a non abrir”, augura o director de Canal 31 pois “non é só que non haxa torta publicitaria abondo; é que algunha empresa prometeu investir 6 millóns na Coruña, 6 millóns en Carballo, 6 millóns en Ferrol, e ao final déronse conta que é imposíbel”.

O paradoxo é que mentres moitos dos que teñen permiso non o explotarán en prazo, varias emisoras con considerábel cadro de persoal e audiencia ficarán de novo nun limbo legal. Televigo di ter ao redor de 30 traballadores e unha audiencia diaria próxima aos 200.000. Canal 31 fala de “máis de quince persoas” que realizan uns “informativos líderes de audiencia a nivel local”.

Ademais, varias fontes do sector coinciden en que concesionarias están tentando vender as licencias que aínda explotan. Estes intentos de especulación con permisos de TDT local están prohibidos pola Lei. Son só parte da gran lea que debe resolver a Xunta nos próximos meses.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río