PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
Especialistas en perder oportunidades
No mellor partido da tempada, o Celta só logrou empatar co Spórting na casa. Culminou así un ano de oportunidades perdidas de cara a reengancharse ao ascenso. O peor da decepción deste campionato non foron nin os cambios de adestrador nin os erros na confección do cadro de xogadores. O máis triste foi ver que o equipo foi tirando ao lixo unha tras outra as ocasións de emendar os seus fallos.
 01.04.2008 | 09:15

O tópico di que se o Celta xoga todos os partidos que lle quedan até final de liga tal e como xogou diante do Spórting de Xixón colleitará, como mínimo, 28 dos 33 puntos que quedan en xogo. Pero esta declaración é só iso: un tópico. Primeiro porque o nivel amosado polo equipo contra os asturianos parece máis unha excepción ca unha regra. Segundo porque, tal e como quedou demostrado, o principal que debe ter un conxunto que aspira ao ascenso é eficacia anotadora.

Non sei se hai que aplaudirlle a Antonio López ou a Antonio Núñez polo cambio de imaxe do día 30. Houbo un xogo inédito na tempada: velocidade, xogo polas bandas, pases longos e precisos, remates á porta... Ao técnico non lle fixo falta cambiar o sistema, só necesitou que os seus xogadores entendesen cal era a mellor maneira de crear perigo. Gustáronme moito Ariel Rosada e Michu no centro do campo, aínda que o asturiano non é medio centro puro. Gustoume un descoñecido Núñez, que empeorou o seu desempeño tan pronto o adestrador o usou de falso lateral. Gustoume Diego Costa porque aposta por crear cousas diferentes que sorprendan o rival. E penso que foi un luxo trocalo no minuto 66.

Pero todas esas cousas que me gustaron volveron bater de fronte cun gardameta en plena forma (xa levamos vistos moitos porteiros en grandes momentos: Biel, do Salamanca; Roberto, do Nàstic...). Roberto, o de Chantada, gañou os apupos do público grazas a un nivel altísimo de paradas, a unha madurez que se notou no un contra un, nas estiradas e incluso nos voos esaxerados estilo Paco Buyo.

Con todo, a metade da culpa é dos propios dianteiros celestes. De nada vale dominar se non hai eficiencia. É un defecto vello que dá moita rabia cando supón estragar a derradeira opción de ascenso, como pasou o domingo.

Porque esa é a principal sensación que lle queda ao celtismo despois da última xornada. Fóra o Málaga e o Numancia, parece que ninguén quere o terceiro posto. Spórting, Real Sociedad, Elxe... son conxuntos irregulares, incapaces de daren un golpe de man. Nalgúns casos equipos mediocres, como o Xixón, incomprensibelmente aupado a un posto que non lle correspondería atendendo á calidade da meirande parte dos seus xogadores. Noutros casos, aqueixados polos mesmos males ca o Celta: incapacidade para poñer a render a súa calidade, tal e como se viu dos donostiarras diante do Rácing de Ferrol.

E nesa ensalada de erros, o club vigués é especialista en estragar oportunidades. Xa o dixo Carlos Mouriño o domingo: no fútbol o maior imponderábel, a incógnita máis terríbel da ecuación é ese azar que che impide gañar partidos como o do Spórting.

Eu diría máis, o factor máis determinante para lograr éxitos é esoutro azar que che permite gañar partidos como o que lle gañou o Numancia ao Nàstic o sábado: empátanche no minuto 90 e es quen de marcar un gol no minuto 93 despois dunha segunda parte sen rematar á porta. Formidábel. 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil