Presidenta das Aboas de Maio
Estela Carlotto: ‘Seguiremos loitando para que se saiba a verdade’
'Vinte anos son poucos, ainda que non o pareza, para tanto que se sofreu e tanta verdade que hai que poñer á luz da sociedade', afirmaba rotundamente Estela Carlotto, Presidenta das Aboas de Praza de Maio nunha entrevista que lle fixo A Nosa Terra en decembro de 19995 na súa sede de Buenos Aires. Desde entón sucedéronse os presidentes arxentinos e a situación foi virando ao total recoñecemento do seu labor de procura dos netos e netas roubados.
Nais e Aboas son grupos de mulleres moi singulares, unidas desde hai dezaoito anos nunha loita única. Que significa esa especificidade de agruparse só mulleres?
No ano 1976 instálase unha Ditadura que trata de impoñer un proxecto político e económico ao que se opuña abertamente unha gran franxa do pobo. O secuestro e desaparición sistemática de persoas impúxose como método e afectou segundo os nosos cálculos a 30.000 persoas de todas as idades, condicións sociais e traballos, entre elas 500 nenos e nenas. A sociedade foi testemuña e os familiares das persoas que ían detendo comezamos a movernos individualmente procurándoos, querendo saber algo deles. Aos adultos buscabámolos nos rexementos, aos nenos nos xulgados de menores, nos orfelinatos. Isto facíase individualmente porque non había antecedentes de secuestro sistemático de persoas por razóns políticas. Topámonos nesas circunstancias e xuntámonos pola necesidade de sumar esforzos, de comunicarnos, de compartir a dor e as experiencias. Asi nacen os organismos de dereitos humanos, congregando irmáns, nais, aboas, fillos.... Familiares, Nais e Aboas únense por separado dun xeito natural. Por que fundamentalmente mulleres? En Familiares hai tamén pais e esposos. En Nais e Aboas dáse a loita da muller dunha maneira especial. Teño para min unha explicación. En Aboas dicimos que somos só mulleres por un rol social, familiar, a muller dedicouse a esa loita por completo, o home mantiña a economía da casa, intervindo factores distintos nesa separación de papeis, uns de tradición e outros ligados á propia condición de mai que protexe aos fillos ou aos netos. A maiores os militares, por un concepto machista, subestimaban a nosa capacidade de resistencia, consideraban que camiñariamos unhas semanas e rematariamos chorando e agachadas nas casas. Desapareceron Nais, prendéronas, tivéronas dias secuestradas nas comisarias entre os presos ou entre os mortos para acovardarnos. Pero non pensaron na forza dunha muller conmovida diante do secuestro dun fillo ou un neto.
No seu caso, cal era a súa conciencia sobre a política denantes do dramático momento da desaparición dos seus fillos.
Gústame aclarar que Nais e Aboas non somos dúas xeracións distintas, porque en moitos casos somos da mesma idade. Ademais de desaparecer á miña filla ela estaba embarazada e naceu o fillo durante o seu secuestro. Nas camiñadas dos Xoves que nos reunian a todos, en Outubro do 77 un fato de 13 aboas fan un petitorio polos nenos en exclusiva a un personaxe que viña á Arxentina, Cyrus Vance, que podia difundir que no noso país tamén desaparecían os nenos mesmo antes de nacer. A esas 13 aboas considerámolas as fundadoras. Empezamos a ir ás casas-cuna, aos orfelinatos... e topamos que este traballo tiña matices inexplorados por ninguén na Arxentina. Nunca se buscaran sistematicamente nenos roubados. Como os topábamos se naceran durante o secuestro da súa mamá? Como os identificabamos, se nin sabiamos o sexo, nin a data de nacemento, nen se tiñan algunha marca particular? Pero non nos entregaron os fillos, como esperabamos.
Desde os campos de concentración as nosas fillas, cando puideron a través de xente liberada, explicábannos cando ia nacer, que nome quería que lle puxeran, onde pensaba que ían levalo. Así soubemos que ás embarazadas conservábanas vivas até que nacían os fillos. Comezamos a movernos xa en plena Ditadura, preparando dossieres enormes. Lembro que remataba o da miña filla Laura, cunha foto dela sendo unha criatura de meses e dicindo: así debe ser hoxe o meu neto.
Desas investigacións súas resultou unha investigación científica que permite coñecer a abuelidade?
Vimos unha nota de prensa na que se falaba do coñecemento da paternidade por medio de análises de sangue. Pensamos se habería xeito de confirmar polo noso sangue de parentes as sospeitas que tiñamos ao ver a rapaces e rapazas en mans de milicos. Empezabamos a facer viaxes por todo o mundo para facer as nosas denuncias e preguntábamos nos hospitais para saber dalgunha técnica que permitise, polo sangue, reconstruir o vínculo neto-avós. En Estados Unidos ocupouse do asunto a Sociedade polo Avance da Ciencia e déronnos dúas respostas claras: pola xenética e a histocompatibilidade podíase estabelecer con certeza ese vínculo, e tamén que por medio da ciencia antropolóxica forense podian identificarse ds cadavres que se ían exhumando nos cemitérios anónimos que estaban polo país.
Hoxe existe o Banco Nacional de Datos Xenéticos, na que se garda o sangue dos parentes á espera de que aparezan os nenos e as nenas. Está duplicado fóra do país, para máis seguridade, e por lei ten que estar custodiado e público até o ano 2050. A aboa Leonor, que está aquí presente, tivo a ledicia de descubrir a súa filla, que nin sabía que tiña nacido. Pediu que lle sacaran sangue e topamos que a súa neta era unha meniña que nin sospeitábamos que podia ser dela porque estabamos apuntando noutra dirección.
Gardar a memoria
A constitución de Hijos [unha agrupación de mozos, fillos e fillas de represaliados e desaparecidos], din vostedes que é a mellor esperanza de continuidade?
Nós temos unha disciplina de mirar, de observar continuamente. Polas rúas e nos avións topábamos semellanzas, sabiamos cando estaban roubando un neno latinoamericano... Cando pasou o tempo e tiñamos tantas dificultades, coa xustiza, coa sociedade apropiadora, pensabamos, con ilusión, que quizais cos anos a historia revertese e os nosos netos virian buscarnos a nós, porque haberían querer coñecer a súa verdadeira identidade. Desde hai dous anos veñen ao noso local rapaces que veñen preguntar porque dubidan de quen son seus pais. Ben porque son adoptados ou por algo que os faga sospeitar (conversas ouvidas detrás da porta, documentos que non coinciden...). E despois prodúcese unha explosión necesaria dos mozos e mozas que teñen agora dezaoito e vinte anos e que viven coas súas aboas, que eran Nais de Maio. Todos eles, dun xeito espontáneo, reúnense porque queren saber.
Hai un discurso do poder que fala de borrar o pasado. Vostedes sempre fan fincapé en que sen memoria non hai futuro posíbel.
Cada neno que se atopa destapa unha historia de horror, de complicidades de militares, médicos, policías, xuíces. A actividade de Aboas é moi concreta e a medida que pasa o tempo topamos novas frontes de traballo. O noso obxectivo é a búsqueda e restitución dos nenos secuestrados por razóns políticas na Arxentina. Pero coñecemos outras violacións dos dereitos dos nenos polo mundo e formamos parte de organismos internacionais en defensa dos dereitos da infancia. Coñecemos as violacións dos nenos en países ricos e probes: os nenos da rúa en Brasil e Colombia, a prostitución infantil, os secuestros...