PUBLICIDADE
Venres, 08 de agosto de 2008
datas clave para erc e pnv
Encrucilladas para o nacionalismo vasco e catalán

Charina Giráldez O vindeiro mes de xuño está marcado en vermello nas axendas de Esquerra Republicana de Catalunya e do Partido Nacionalista Vasco. Ambas formacións deben afrontar nesas datas dous acontecementos importantes que, de seguro, van determinar o seu futuro inmediato.

Reloxo 11.05.2008 | 07:14

Carod Rovira e Joan Puigcercós Carod Rovira e Joan Puigcercós

Por unha banda, ERC ten convocado para o día 14 o congreso nacional do partido, unha cita crucial para os republicanos, sumidos nun complicado proceso de reestructuración interna con catro candidaturas para asumir á dirección. Por outra, o PNV non esquece que o 27 de xuño está previsto que o lehendakari solicite ao pleno do Parlamento vasco autorización para celebrar a súa polémica consulta popular sobre o futuro de Euskadi. Os nacionalistas vascos tamén están inmersos nunha loita intestina entre os partidarios da opción autonomista liderada polo actual presidente do partido, Íñigo Urkullu, e os seguidores da liña soberanista de Ibarretxe.

Os dous partidos tentan reconducir a súa situación logo dos malos resultados obtidos nas eleccións xerais. ERC e PNV son os grupos nacionalistas que máis perderon o nove de marzo (350.000 e 120.000 votos respectivamente), pero non os únicos. Eusko Alkartasuna e a Chunta Aragonesista desapareceron do Congreso de Madrid e só o BNG, CiU e Nafarroa Bai puideron conservar os mesmos deputados que na lexislatura anterior. Este fracaso nas urnas, unido ao ambiente de crispación dos últimos catro anos vinculado á idea de España, abre un período de reflexión (paralelo ao dos propios partidos implicados) sobre a situación actual do nacionalismo e o seu futuro inmediato.

Visión optimista

Fermín Bouza, Catedrático de Opinión Pública na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, amósase convencido de que o balance dos comicios é conxuntural. Considera que a propia dinámica electoral marcou unha concentración do voto pero non impediu que os partidos nacionalistas permanecesen no arco parlamentario “cunha forza importante”.

Na súa opinión, os únicos prexudicados foron “os que optaron por unha oferta extremadamente radical”, inasumíbel para un Estado no que “o nacionalismo se presenta en sociedade moi lentamente”. Para Fermín Bouza, ERC e o PNV non souberon calibrar o alcance dos seus apoios e apostaron por unha liña “antisistema” que agora van ter que reconsiderar. Así e todo, pensa que só se trata dun “golpe electoral” e que o único que vai cambiar nesta lexislatura é o “xeito de negociar co goberno central”.

Dende o seu punto de vista, nos últimos catro anos produciuse un avance importante para o nacionalismo “que puxo en circulación Zapatero”. O catedrático atribúelle ao presidente do goberno o mérito de asentar na poboación a idea de España como un país plural que precisa das autonomías. Até o momento, sostén que esta realidade non se asumira claramente dende o Estado polo que se trata dun paso “tímido” pero transcendente. Tamén pensa que comeza a haber unha certa apertura social de cara a fórmulas de tipo federalista para afondar na reestruturación do territorio.

Porvir incerto

Non se amosa tan optimista Miquel Sellarès, presidente do Centro de Estudos Estratéxicos de Cataluña, convencido de estar a vivir “o peor momento dende a Transición democrática”. Na súa análise asegura que o modelo federal está en “retroceso” e que o único nacionalismo que funciona seriamente é o español, “cunha capacidade de asimilación brutal grazas ao apoio dos grandes medios de comunicación públicos e privados” e cun forte “sentimento de estado”. O problema para Sellarès é que España ten un proxecto sólido en continuo avance (apoiado polo PSOE e o PP) que invalida a estratexia utilizada até o momento polos partidos nacionalistas.

Descoñece cal pode ser o camiño, pero ten claro que debe pasar pola irrupción dunha nova xeración “desacomplexada da cuestión nacional” e capaz de rachar con certos tópicos “coma o da Constitución”. “En Cataluña”, subliña, “comeza a xurdir a idea de que a única saída é abandonar o estado das autonomías”. No seu parecer, os resultados electorais do pasado marzo reforzan esta tese da revisión profunda xa que “o catalanismo máis radical quedou na casa” para manifestar o seu desacordo coas propostas actuais, empezando polo tripartito.

Pero ese proceso de reconsideración non se pode afrontar, na súa opinión, mentres non se celebren os congresos nacionais dos partidos e o Tribunal Constitucional non se pronuncie sobre o Estatuto Catalán. En relación con este asunto, Miquel Sellarès pensa que o peor que podería pasar é que a sentenza fose interpretábel (que finalmente permitise o termo nación pero sen validez xurídica) porque abriría un novo proceso de negociación “infrutuoso” que non levaría a ningures.

Adaptarse aos cambios

Para Txema Montero, coordinador da Tribuna de Reflexión e Debate da Fundación Sabino Arana, nestes últimos anos produciuse unha “contaminación positiva” das propostas nacionalistas entre a poboación pero tamén unha “certa canseira” do estado de reivindicación permanente. Os nacionalismos conseguiron as súas maiores cotas de descentralización política pero “non souberon adaptarse ao mundo globalizado, á Unión Europea e a esa nova España de ideoloxía soft menos agresiva pero máis expansiva”. Na súa opinión, “agora que os nacionalistas comezaban a topar respostas, cambiáronlle as preguntas”.

Para afrontar este reto, considera necesario que os partidos fagan unha revisión das súas doutrinas centrais pero non confía en que a poidan levar a cabo mentres non estean na oposición. “CiU vai un paso por diante neste terreo pero o resto parece demasiado ocupado en manterse nas institucións”, sinala.

Segundo Txema Montero, é imprescindíbel que os grupos nacionalistas se axusten aos cambios sociais e busquen novas formas de acción política para conseguir os seus obxectivos finais. “As fórmulas existen”, garante, “o que ocorre é que aínda non demos con elas”.

(Máis información na edición en papel de A Nosa Terra)

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil