Bocixa/ Raquel Rey . Prevención de loita contra os incendios, sector leiteiro e vitivinícola e as infraestruturas agrarias e de regadíos foron os temas que se trataron neste encontro.
Suárez Canal. Bocixa e Raquel Rey
O Conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suarez Canal mantivo en Madrid o seu primeiro contacto coa titular do novo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa.
No tema de loita contra incendios, o conselleiro solicitou a mesma colaboración que en anos anteriores. A maiores pediu un helicóptero de alta capacidade de descarga que outros anos tiña base fora de Galiza.
Referente ao sector lácteo, o conselleiro insistiu na necesidade de repartir canto antes as preto de 300.000 toneladas de cota procedentes da Reserva Estatal e da ampliación lineal do 2% aprobada pola Unión Europea para cada estado membro.
Incidiu en que o reparto debería de beneficiar as explotacións con vocación de permanencia na actividade.
Expresou tamén a necesidade dunha estabilidade aos prezos do leite en orixe e que os gandeiros poidan saber a comezos da campaña os valores referenciais que van percibir polo seu traballo.
No sector vitivinícola, solicitiu á ministra que se defenda a xestión de dereitos de plantación, no ámbito das denominacións de orixe, como mínimo ata o ano 2018 e mesmo que se estendan máis alá desa data entre outras reivindicacións.
Ambos cargos comprometéronse tamén a traballar para asinar o vindeiro mes o convenio para a execución de obras de concentración parcelaria durante este ano e axilizar as obras de modernización do regadío en zonas como A Limia, A Terra Chá ou o Val de Lemos.