O delegado da Consellería de Medio Rural en Lugo, Emilio López Pérez, criticou hoxe de xeito contundente os incidentes ocorridos o martes no polígono do Ceao, en Lugo. A mobilización promovida por Unións Agrarias, e que acabou coa queima de cartóns de leite e o lanzamento de ovos e pedras ás instalacións de Leite Río, insírese para o político nacionalista “nunha estratexia para impedir que se chegue a un acordo que garanta un aumento do prezo medio do leite”.
López Pérez, que ten unha ampla experiencia no mundo do sindicalismo agrario, xa que foi secretario xeral de Comisións Labregas e deputado polo BNG no Parlamento Galego, puxo en relación as accións de onte en Lugo con “escuros intereses políticos e económicos para impedir que o agro galego consiga consolidar o liderado nos sectores nos que ten un amplo potencial”.
“Cada vez que se pretende tomar medidas para acadar estabilidade para o sector, forzas estatais tentan impedir que os sectores produtivos galegos se dimensionen para competir”, sinala o delegado da Xunta, e cita como exemplo as sucesivas iniciativas frustradas para a creación dun grupo lácteo de capital galego. Como exemplo, lembra que en 1997 o daquela conselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal, chegou a ter enriba da mesa dúas propostas neste sentido. Pouco despois foi substituído e ningún dos partidos maioritarios españois quixo apoiar unha iniciativa deste tipo.
Rexeitamento a métodos violentos
Aínda que dixo non ter probas, López Pérez mostrouse convencido de que as sabotaxes que están sufrindo os transportistas de Leite Río están promovidas por Unións Agrarias. “Este sindicato estase gañando as antipatías do sector, por iso teñen que traer xente de fóra de Galiza, e moi motivados, para levar a cabo accións como as de onte. É moi simbólica a queima de obxectos como o carro tradicional”, apunta.
Preguntado pola actitude de Xesús Lence, propietario de Leite Río, e que anunciou a diminución da recollida de leite en 10.000 litros diarios, apunta que para a consellería é moi difícil mediar con actuacións como as de onte. “O árbitro teno moi difícil se hai patadas nas canelas nos vestiarios e lume nas bancadas”.