Os número de emprendedores en Galiza é menor que en Europa ou nos EE UU. A que se debe esta situación?
Non penso que en Galiza haxa menos emprendedores que noutros sitios. O que pasa é que aquí, no canto de dedicarse á tecnoloxía dedícanse á perrucaría ou á fontanaría, que son cousas quizais menos espectaculares. Para ser emprendedor é importante coñecer a alguén que lle teña ido ben antes. En Galiza ou noutras partes de España o auxe da construción nos últimos anos fixo que moitos obreiros se convertesen en empresarios porque outros o tiñan feito antes. Nós mesmos empezamos neste negocio porque coñeciamos a unhas persoas que desenvolveran un sitio e tivera tanto éxito que o venderan a Ebay. O que pasa é que no caso da tecnoloxía este tipo de experiencias son menos comúns que no caso da construción, e por iso até que haxa unha masa crítica de emprendedores con éxito será difícil que cambie esta cultura.
Agora vive vostede en Zurich, traballando para Google. Por que tomaron a decisión de vender? Ser absorbido por empresas estranxeiras é o camiño natural das empresas tecnolóxicas españolas?
Nós integrámonos en Google porque a nosa aplicación estaba baseada en
Google Earth, ambos recursos traballaban moi ben xuntos. Por outra parte, penso que non é negativo que unha empresa española sexa comprada por unha estranxeira. Todos os días aparecen novas nos medios de comunicación considerando moi positiva a inversión estranxeira en España. Que os EEUU, por exemplo, invistan en España significa que compran empresas españolas, ou participacións nelas. En todo caso, a decisión de vender ou non depende de cada proxecto en concreto.
Que diferenzas supón traballar para Google?
A fundamental e que os tres que fundamos
Panoramio traballamos na mesma oficina. Antes nunca o fixeramos, xa que o desenvolviamos a distancia. Por outra parte, Google é unha empresa con moita flexibilidade nos horarios, na que mesmo se pode dedicar un 20 por cento do tempo a proxectos propios. En definitiva, agora temos un xefe por enriba, pero estamos moi cómodos.
Os tres fundadores da empresa estudaran económicas, física e psicoloxía (vostede). É importante a interdisciplinariedade para a creación dunha empresa deste tipo?
Penso que non. Os equipos de traballo son un pouco accidentais e o importante é que exista conexión entre os membros. É máis importante o feito de estar cómodos traballando xuntos que o de reunir unha serie de determinados perfiles.