Xurxo González . O ruxerruxe político máis destacado da pasada lexislatura foi a posíbel constitución do grupo lácteo galego. Edelmiro López (Bilbao, 1960), ex director xeral de Desenvolvemento Rural, explica algunhas das que foron as claves do proxecto do equipo de Alfredo Suárez Canal.
Por que é importante a constitución dun grupo lácteo? Producir máis barato axuda os gandeiros, pero para desenvolver o sector é necesario producir bens elaborados. En Galiza prodúcese leite para envasar en tetrabriks, polo que beneficio que obtén a industria é moi pequeno. Hai que fabricar outros produtos máis elaborados, que deixan ganancias moito maiores. Por exemplo, Danone sácalle un rendemento moi grande a un litro de leite transformado en iogur para beber. Por que non se constituíu na pasada lexislatura? Nós tiñamos o deseño empresarial perfectamente constituído. O proxecto era crear o grupo lácteo máis importante do Estado, e controlado desde aquí. Esta compañía non estaría limitada a Galiza, senón que tería plantas no resto do Estado. O xeito de facelo sería comprar un gran grupo español que xa existe, e que ten fábricas dentro e fóra de Galiza. Non se trataba dun grupo público, senón que recollía a iniciativa privada do país. Non obstante, a crise económica e as dificultades para obter financiamento abortou a operación. Con todas as dificultades, o anterior goberno galego conseguiu sentar á mesa a entidades moi importantes. A que se debe que o prezo que reciben os gandeiros galegos sexa menor que os de Asturias ou Cantabria? Dous terzos do leite que se produce aquí consúmese no resto do Estado. As industrias aducen que deben descontar o custe do transporte. Tamén inflúe que o leite galego se dedique a produtos básicos. Por exemplo, Danone ten uns beneficios tan grandes nos iogures líquidos que mencionamos antes que non lle importa pagar cinco ou seis céntimos máis aos produtores. Como valora a actitude de Xesús Lence, propietario de Leite Río, durante a crise? A Lence non se lle pode negar éxito empresarial. O seu grupo está en constante crecemento. Comprou Leyma e deulle unha vitalidade que antes non tiña. Río foi unha das industrias que apostou polos contratos homologados. Na valoración de fondo, calquera industria que xere riqueza en Galiza é positivo, e aí o papel de Lence non foi peor que o de industrias de capital foráneo. A miña opinión é que o que deteriora a imaxe de Lence é lanzar opinións nos medios que case sempre consisten en meterlle o dedo no ollo aos produtores. É unha cuestión máis de forma que de fondo. O trato de Río cos seus gandeiros é mellor que o de gran parte das industrias, pero Lence ten unha visión do mundo moi persoal, e fai declaracións imprudentes.
Edelmiro López Iglesias, economista.
O próximo número do Semanario A Nosa Terra recolle unha ampla entrevista con Edelmiro López Iglesias.
Descargar Tarifas