PUBLICIDADE
Martes, 16 de marzo de 2010
Unha celebración de 22 números
Dous anos de humor con Retranca

M. B. A revista satírica profesional dirixida por Kiko da Silva chega aos seus dous anos de vida.

Reloxo 01.11.2009 | 09:22

Kiko da Silva Kiko da Silva. Víctor Britto

Vintedous números editados e unha trintena de colaboracións a cargo de debuxantes destacados. Son as cifras coas que a revista satírica Retranca e a pequena Santa Compaña que lle serve de mascota chegan ao seu segundo aniversario como publicación que aposta polo galego, a profesionalización dos autores e un humor feito en Galiza para reflexionar criticamente e abrir debate sobre as puntas da realidade.

O venres 30, a sede pontevedresa da Fundación Caixa Galicia foi escenario no que se vai celebrar a festa de aniversario da publicación, na que ademais dunha misa ao estilo Retranca, houbo música, monólogos e pequenos espectáculos que amosaron ao público a temperatura do humor galego e fiexeron balance destes dous anos de andaina. Para Kiko da Silva, director da publicación, a valoración é moi positiva e supera “as previsións máis optimistas”.

Cando hai dous anos Retranca saíu por primeira vez do prelo, a revista comezou a abrir camiño cara a profesionalización nun momento no que abundaban os fanzines e os traballos sen remunerar. “Penso que parte da clave do éxito radica aí”, comenta Kiko da Silva “en intentar que a publicación fose o máis profesional posíbel”. Despois de traballar en El Jueves, da Silva detectou que en Galiza existía mercado para unha publicación de características semellantes trasladada á esta realidade e feita dende aquí .

“Deste tempo quédome coa sensación de elaborar un produto que lle gusta ao público e coa idea de que facemos humor social”, comenta. “Nunca tivemos a oportunidade de poder tratar os temas dende un punto de vista simplemente humorístico”. Ao seu ver “moitos autores teñen Retranca para desafogar o que nos seus medios non lle permiten, pero esa liberdade costa levala, especialmente á hora do financiamento”. “O humorista ten un compromiso coa realidade e, como galegos, temos que demostralo”, sinala da Silva, que destaca ademais que “esta é a primeira vez que o humor gráfico ten un compromiso social como publicación, máis alá das individualidades”.

Traducir tamén humor ao galego

Nestes dous anos na revista colaboraron autores de diferentes estilos e procedencias, traducíndose unha importante cantidade de debuxantes de fóra, como poucas veces se fixera. Púidose ler por primeira vez en galego a Mel e a Alberto Montt e outra xente que non ten obra en español. E entre os galegos figuran Alberto Guitián, Andrés Meixide, Bernal, Jacobo Fernández, Kohell, Manolo Rivas, Pinto e Chinto, Xaquín Marín, Siro López e Luís Dávila, entre outros moitos.

Da Silva asegura chegar con folgos para encetar o terceiro ano de Retranca a pesar das dificultades que está a provocar a crise. Como medida “cautelar” a revista modificou a súa periodicidade e agora estará nos quioscos cada dous meses, iso si, cun número maior de páxinas e cun novo suplemento dedicado á lingua, no que se reflexionará sobre a deriva do debate do galego.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río