Conclúe o Mundos de Mulleres. Un congreso de cinco días onde máis de 3.500 mulleres (e demasiados poucos homes) nos reunimos para cambiar o mundo dende os feminismos. Nas intervencións, dúas tendencias que conflúen cara ao mesmo lugar: a importancia das identidades e a negociación constante que supón adscribirse a múltiples; e o impulso do feminismo por crear un movemento de alianzas comúns en todo o mundo para superar a situación na que vivimos as mulleres, de forma máis ou menos extrema, a nosa vida cada día. O congreso amosou as importantes semellanzas que o patriarcado presenta en todas as culturas: o afán por controlar o corpo das mulleres, a limitación no acceso aos recursos, o interese en excluírnos da linguaxe, a adaptación do patriarcado ás novas situacións nas que se tentan reafirmar os dereitos humanos das mulleres (véxanse os ataques repetidos e cheos de machismo de “homes ilustres” ante as intervencións igualitarias na linguaxe, a acusación de que as denuncias por violencia de xénero son na súa maioría falsas, o uso da relixión como medida de reafirmación ante ataques externos que, oh, curiosamente, só ten aplicación para as mulleres...). Por outra banda, importa e moito a necesidade de recoñer as discriminacións que se solapan. Para min, o aberrante silenciamento nun congreso celebrado no Estado español de todas as realidades que non encaixan co flamenco. Por iso é tan importante estar. Para ver e ser vista. Para non quedar fóra do movemento máis ambicioso, péselle a quen lle pese, por facer do mundo un lugar verdadeiramente xusto.