Redacción . O número de viaxeiros que utilizaron en Galiza o transporte urbano regular por autobús diminuíu un 2 por cento en decembro respecto ao mesmo mes do 2008, até situarse nos 5 millóns de usuarios, segundo datos difundidos hoxe polo Instituto de Estatística (INE). No conxunto do ano, o total de pasaxeiros do autobús urbano reduciuse un 1,3 por cento en relación ao 2008.
En todo o Estado, o número de usuarios do autobús urbano regular descendeu un 2,7 por cento en decembro, até os 141 millóns, mentres que ese total descendeu un 2,9 por cento no conxunto do ano.
Tren rexional modelo R-598
O número de pasaxeiros que utilizaron o transporte aéreo interior baixou un 6,8 por cento en 2009, até situarse en 38,2 millóns de usuarios, mentres que os que usaron o AVE-Longa distancia se reduciron un 0,6 por cento e superaron os 23,1 millóns.
O transporte urbano foi utilizado por máis de 3.017 millóns de viaxeiros o ano pasado, cun descenso do 3,7 por cento respecto de 2008. En concreto, o transporte metropolitano rexistrou unha caída do 5,1 por cento, mentres que o transporte urbano regular xeneral por autobús baixou un 2,9 por cento e o discrecional, un 2,1 por cento.
Dentro do transporte urbano regular xeneral por autobús, o especial escolar mantívose sen variacións, mentres que o especial laboral diminuíu un 6,2 por cento.
Transporte interurbano
Pola súa banda, o transporte interurbano foi utilizado por 1.769 millóns de usuarios, un 3,5 por cento menos que no 2008. O transporte por estrada sumou 1.169 millóns de usuarios, un 2,2 por cento menos que no 2008, mentres que o ferrocarril foi empregado por 552,6 millóns de viaxeiros, un 6 por cento menos.
Renfe rexistrou 466,79 millóns de pasaxeiros o ano pasado, o que supón un retroceso do 6,6 por cento respecto do 2008. O número de viaxeiros que utilizaron o AVE-Longa distancia baixou un 0,6 por cento, até os 23,1 millóns, mentres que en media distancia descenderon un 1,4 por cento e en proximidades caeron un 7,3 por cento.
Pola súa banda, o ferrocarril de vía estreita contabilizou 85,8 millóns de usuarios en 2008, cun descenso do 6,8 por cento no ano. O transporte marítimo, polo seu lado, foi utilizado por 8,7 millóns de viaxeiros, un 2,1 por cento menos.
Descargar Tarifas