Redacción . Un grupo de mozos, algúns dos cales contaba con antecedentes por roubo, salváronse de ingresar no cárcere por tentar roubar unha bandexa de croissants que se atopaba no interior dunha cafetaría de Vigo. Un acordo co fiscal xefe evitoulles a prisión. Agora, terán que pagar 1.080 euros polos croissants.
Croissants
Finalmente, os sete imputados no 'caso croissant' non irán ao cárcere, malia que a Fiscalía pedira para cada un sete meses de prisión por tentar roubar unha bandexa destes doces nunha bocatería de Vigo. Un acordo co fiscal xefe evitoulles a cadea aos mozos. Tres dos implicados aceptaron tres meses de cárcere substituídos polo pago dunha multa de 360 euros cada un. O xuíz do Penal número dous de Vigo ofreceulles a posibilidade de pagar os cartos a prazos.
Os outros catro acusados, que recolleran nun coche aos que tentaran roubar os croissants, foron absoltos. O caso, que durou dous anos, mobilizou sete avogados de oficio e sete procuradores. O proceso custaralle ás arcas públicas máis de 2.400 euros.
Que pasou?
“Cando os imputados estaban tentando abrir o valo metálico do local foron increpados con berros por uns viandantes que presenciaron os feitos. Foi nese momento cando, de xeito fortuíto, apareceu unha patrulla da policía”, apunta unha das fontes próximas ao suceso. Tanto os rapaces, que non levaban ningún obxecto co que romper ou forzar a persiana, como as testemuñas prestaron declaración. Pola súa banda, os propietarios da bocatería, que se decataron do acontecido de casualidade, non presentaron denuncia nin reclamación ningunha.
Descargar Tarifas