PUBLICIDADE
Sábado, 04 de xullo de 2009
BLOG SUSO BALEATO
Suso
Baleato
Administrador de Sistemas
Un éxito da sociedade
Dez anos navegando en galego
Nestes días puidemos ver publicada a primeira versión oficial do Firefox en galego. Trátase do resultado de máis dez anos de loita e traballo voluntario a prol do noso idioma; un traballo tantas veces ignorado e mesmo desprezado que nunca debería ser un mal momento pra recoñecer ese esforzo colectivo. Parece un momento adecuado pra fazer un breve repaso por esa historia a xeito de homenaxe ás personas que fixeron antes ca min o seu contributo pra chegarmos a este estado de cousas. A todas elas, de parte dun utente calquera: grazas.
 13.10.2008 | 11:51

Mozilla 72 - Explorer 18 Mozilla 72 - Explorer 18. Chronicle

Hoxe o noso idioma é instrumento legalizado e homologado para a produción cultural tanto nos media (radio, prensa, televisión) como na educación ou na literatura. Ademais hai signos que o visibilizan como idioma válido tamén en novos ámbitos, máis relacionados coa industria ou o comercio, a conta de que consumimos con maior gorentía cando o facemos 'como galegos'.

Camiñamos cara a unha normalidade conveniente mesmo no aspecto puramente lingüístico, no que resulta evidente a aceleración no proceso de acercamento á expresión internacional do noso idioma –a do portugués– tanto por parte do complexo –observen a polisemia– académico-institucional instaurado polo fraguismo (evidente na normativa de concordia) como a través dos sectores máis dinámicos da propia sociedade (como testemuña a posta en marcha da Academia Galega da Língua Portuguesa). Mais a evolución cara a esa normalidade é froito, non da casualidade, senón da vontade consciente de amplos sectores da nosa sociedade pra loitar pola pervivencia da língua en calquera ámbito no que esta deba tomar carta de natureza. O da informática non é unha excepción e tamén nel os avanzos que se producen son o resultado de anos de loita que a maior parte das veces é invisibel e silenciosa –e mesmo silenciada.

Tendemos a pensarnos en base aos tópicos que 500 anos de colonialismo inocularon no noso ADN identitario e por iso parece contraditorio xuntar as verbas Galiza (xa non digamos Galicia) e tecnoloxía, igual que outras do estilo como avance, progreso, lusofonía ou liderado. Mais repasemos os feitos: 1998. Xaneiro abre o ano facendo tremer a Wall Street coa posibilidade de que a empresa Netscape libere o código fonte do navegador máis reputado de Sillicon Valley: o célebre Navigator. Na primavera Wall Street volve tremer cando o código fonte é publicado. Naquel mesmo vran un grupo de persoas organizadas en rede baixo o nome de Proxecto XIS comezaba a compilar o que sería o primeiro navegador en galego. Tecnoloxía de Sillicon Valley made in Galiza.

Pasaron máis de dez anos dende que se iniciara aquel traballo colectivo a prol do galego pra chegar ao actual estado de cousas. Houbo dende logo outras iniciativas simultáneas e mesmo anteriores como é o caso das CiberIrmandades; mais nesta ocasión cumpría aprofundar na do Proxecto XIS. Dende aquela foi moi longo o camiño, e tivemos que superar a falta de apoio e a ignorancia das (nosas propias) institucións, a desesperanza, o desleixo e mesmo o desprezo de quen supoñiamos os nosos aliados. Mais hoxe a nosa sociedade dispón do máis completo navegador no seu proprio idioma: o Firefox 3 para Linux, para Mac... e mesmo para Windows.

Báixeno, próbeno e desfrúteno. O que terán na súa pantalla son dez anos de loita polo idioma –e pola liberdade; alén dos detalles técnicos, iso é o que significa o software libre.

 
Do Netscape Navigator ao Mozilla Firefox: sempre en galego
Chámalle XIS
A principios dos anos noventa do século XX –así de lonxe quedan– a industria do software baseábase no paradigma da "venda" de licenzas de programas informáticos. Tantas licenzas vendías, tanto gañabas e por iso naquel modelo de negocio a distribución gratuíta de software era algo tan antagónico coa lóxica do mercado que a esa práctica chamárona "pirataría". Porén a cousa estaba a piques de cambiar.

A conta do auxe da web que chegaría parello á implantación das infraestruturas de conexión telemática a industria informática situou no punto de mira dos seus intereses un tipo de programas en particular: eses que permitían acceder á información e visualizar os contidos daquelas redes electrónicas. Hoxe chamamos estes programas "navegadores" de internet a causa do nome que identificaba ao que acadou maior popularidade naquel entón: o "Navigator" da empresa Netscape que, apostando por un modelo de negocio baseado na distribución gratuíta dun software de boa calidade, chegou a acadar o 90 por cento da cota de mercado no ano 1996, substituindo un primitivo Mosaic que alcanzara o seu auxe dous anos antes.

As potencialidades comerciais da internet e, consecuentemente, a vantaxe que significaba controlar o navegador, fixo agromar novos competidores que foron reducindo a supremacía inicial do Navigator. En 1997 a súa cota de mercado representaba nun digno 72 por cento; e se lembramos ese dato é polo sucedido en outubro daquel mesmo ano a conta da presentación da versión 4.0 do Explorer, nome do programa co que a empresa Microsoft trataba de monopolizar o mercado dos navegadores.

Durante a festa de presentación daquel defectuoso Explorer, alguén colocou unha enorme letra "e" azul –logotipo do navegador de Microsoftr– na entrada do edificio da empresa Netscape. Pero os traballadores de Netscape, que aínda estaban nos seus ordenadores, detectaron a intrusión e responderon tumbando inmediatamente o logotipo do Explorer. Non contentos con adornalo cun graffiti a prol do Navigator, colocáronlle enriba a súa propia mascota –o célebre dragón verde–, da que colgaron un cartel coa lenda "Netscape 72 - Explorer 18" –referindose as cifras ás respectivas cotas de mercado.

Pasarían moitos anos até que a xustiza internacional condenara a Microsoft polas prácticas ilegais coas que acaparou o mercado dos navegadores, mais para cando Netscape conseguiu reaccionar –publicando o código fonte do Navigator en marzo de 1998– o Explorer acadaba xa unha cota do 40 por cento, iniciando un crecemento que chegaría ao 96 por cento en agosto do 2002, punto alxido no que o software libre irrompería no mercado gañándolle posicións ao absolutista monopolio norteamericano e sinalando o inicio do declive de Microsoft.

Actualmente, a cota dos produtos da empresa Netscape é residual e a de Microsoft continúa descendendo, situándose xa por debaixo do 60 por cento. Inflúe dende logo a mala calidade do Internet Explorer, os seus problemas de seguridade e a súa limitación á unha plataforma –Windows– cada vez máis deostada; pero con seguridade a causa principal está nun pequeno programa que dende os seus inicios estivo en galego: o noso ben coñecido Firefox.

Pero voltemos ao ano 1998. Aquel foi un ano fantástico que se iniciou co anuncio da intención de Netscape para liberar o código fonte do Navigator como estratexia pra competir con Microsoft; anuncio que, como saberiamos despois, sería unha consecuencia do documento fundacional da filosofía do Código Aberto: A Catedral e o Bazar, de Eric S. Raymond. Os que tivemos a oportunidade de estar diante dun CRT aquel 22 de xaneiro lembramos aquela noticia cunha mestura entre xúbilo e consternación: xúbilo por que iamos poder fedellar nas tripas do mellor software de navegación por internet do momento; consternación porque, de producirse a liberación, non sería xa o éxito dun produto ou dunha empresa o que estaría en xogo, senón un modelo alternativo de produción e comercialización do software entendido como algo máis que carnaza para o sistema financieiro e ferramentas para os mecanismos de control social. A tensión da expectativa durou dous meses máis, até que o día 30 marzo, cando se produciu aquela histórica liberación... e con ela nacía a comunidade galega de localización de software libre.

Tratábase do Proxecto XIS, un grupo de traballo organizado por correo electrónico que sería o cerne do que algún tempo despois se constituiría como asociación nunha histórica reunión celebrada na cafetaría compostelana Airas Nunes baixo o nome de IDESGA, e que sería máis coñecida polo nome de dominio que empregaron: Galego21. E aquí deixarei de dar detalles; basicamente porque hai feridas que aínda deben curar e por que determinadas omisións, a forza de reiteradas, resultan dolorosas: igual que determinados comportamentos tanto no plano político como no meramente interpersoal dos que unicamente deberemos lamentar a inexistencia dun arquivo de correo que nos axudara a non recaer en determinados erros no futuro.

Sexa como for, e para o ben de todos e todas nós, alí estaba a organizarse aquela xente pra disponibilizar por primeira vez no noso idioma a principal ferramenta informática da sociedade da información: o navegador web. Poucos meses despois podería descargarse a primeira versión do XIS –baseada no Netscape Communicator 4.03, liberado baixo licenza Mozilla de software libre. Aquel Navigator pasou a chamarse Communicator, cambiou por Milestone antes de chamarse Mozilla, para despois ser Phoenix, transformarse en Firebird e finalmente... Firefox; a non ser que empreguen unha distribución de Linux chamada Debian, en cuxo caso chamarase Iceweasel.

Mais coincidirán comigo en que o nome é o de menos. En especial, se consideramos que, ao mesmo tempo que ocurría todo aquilo, Microsoft negáballe ao pobo galego o dereito a empregar o Windows en galego; dereito que lles outorgaría aos cataláns... previo pago de 480.000 euros (80 millóns de pesetas). Quen queira entender, que entenda.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario. Grazas pola súa participación.
 
© 2009 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río