PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
Un de Santa Comba en Xenevra
Deume envexa do Liñaceiro... eu tamén quero o meu Blog
 06.06.2008 | 19:42

Estando estroutro día co can no veterinario atopeime con Xaquín do Liñaceiro, que tamén foi capar a cadela, e doume moita alegría porque somos emigrantes da mesma quinta e xa facía tempo que non o vía.

Cando a cadela amais o can foron despachados fomos beber uns chanqueiros no bar de Manolo da Codeseira. Despois de falar disto e aqueloutro o Xaquín estiricou o peito cara diante e díxome cunha naturalidade que desconcerta a calquer experto:

-Ti aínda non tes un blog?

-Home, pois... a verdade é que non; díxenlle eu mentes que me recuperaba do choque psicolóxico.
 
-Pois vouche dar a dirección do meu para que o visites, xa veras que chulada.

Abraiado me deixou o paifoque do Xaquín, o que mais croques levaba de dona Lola na escola, que non pasou de parvulitos (que conste que eu teño moito respecto e trato de non xulgar a intelixencia polos diplomas da xente pero cando é demasiado é demasiado).

Aló me anotou o enderezo do demo do blog nun cacho rachado da Tribune de Genève.

Cando cheguei ao traballo fun consultar o Internet e fiquei coa boca aberta, que blog mais ben amañado tiña o raio do Liñaceiro! Fotos facendo a paella na beira do lago nos anos 80, botándolle un pulso á sogra, a muller xogando a petanca, os rapaces lendo un texto en dialecto franco-galego-castelán na catequese, fotos antigas do Liñaceiro vello con aquel bigote que parecía Dalí ... Dígovos eu que vos era unha maravilla.

Amostreillo aos meus colegas para rirmos un pouco pero no fondo entroume unha envexa dos demos... pensar que o neto do Liñaceiro, que era un broas, estaba máis posto nas novas tecnoloxías que un servidor, dábame raiba e entroume un aquel por min arriba que me roía a alma. Coa raiba que me entrou ate cheguei a acordarme das mangas da chaqueta do Xaquín coa manía que tiña de limpar os bormos nelas: as rapazas, nas romarías, non querían irlle bailar pola mala sona que tiña de bormeludo.

Agora que me repuxen da primeira embestida e que xa me pasou a xenreira contra o bo do Xaquín, pensei eu, coa axuda e a suxerencia do amigo Xan, si ho, o d'A Nosa Terra, que sería caralludo se tivésemos un blog deses para desbardallar un pouco sobor da temática esta da emigración.

Da emigración e arredores, porque a emigración, como toda epopeia, ten as súas causas (probeza do país, caciquismo, falla de iniciativa, etc.) e os seus efectos (perda de referencia cultural e social, apego ao diñeiro, introversión, mistificación do pasado, afastemento da realidade política, manipulación do sentir patriótico, etc ) e non che digo nada do hipotético retorno (transtorno)

Segundo me din os que entenden destas chilindradas cibernéticas un blog ten que se alimentar a miudo para que sexa interesante. Non sei ben se serei bon gandeiro para encher de xeito equilibrado as gadoupas do blog pero imos intentar a aventura e ver en que dá a cousa.

Así que como din en Cuba: non te poñas bravo compañeiro! e se en vez de facer como fixen eu co Liñaceiro tendes un pouco de respecto por este iñorante que fai o que pode, vale?

Imos ver se o podemos facer o máis interactivo posible e lle podemos ir engadindo comentarios e trangalladas que o fagan remexer un pouco de xeito que non morra antes de nacer.

Se vedes que me saio do rego un pouco non mo tomedes a peito, é que cando me esquezo da medicación perdo un pouco os estribos e desvarío pero, según me contan, é cando mais «creador» son. É que calquera me critica cando me ven a crise, son máis bravo ca un can deitado.

Manda nabo! Aos meus anos un BLOG!. Se Dolores da Miúda (miña aboa) erguera a cabeza...
 
PD.: E de banda sonora esta miña canción favorita destas semanas.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil