Redacción . A Policía francesa detivo a Asier Borrero, Itziar Plaza e Iurgi Garitagoitia, tres dos etarras máis buscados pola Garda Civil, á saída dun centro comercial situado no barrio de Macieres, na localidade de Pau.
Considerados membros do brazo militar da banda terrorista, no momento do arresto ían armados e portaban distintos material informático, segundo informan fontes da investigación. Os detidos, que non opuxeron resistencia, viaxaban nun vehículo roubado coas placas da matrícula dobradas. Asier Borrero é un fuxido do desarticulado 'comando Biscaia' que lideraba entón Arkaitz Goikoetxea. O Ministerio do Interior vincúlao co recente tiroteo perto de Montpellier (Francia) no que resultou ferido grave un xendarme francés. A súa moza, Inge Urrutia, foi detida en relación co intento de fuga dunha prisión de Huelva do etarra que intentou matar ao Rei. Borrero está acusado de participar no atentado con coche bomba contra o cuartel da Garda Civil de Calahorra o 21 de marzo; no atentado con bomba contra a comisaría da Ertzaintza de Zarauz, o 25 de setembro do pasado ano; e na colocación de artefactos nas Casas do Pobo de Balmaseda e Derio. Iurgi Garitagoitia Salegui está acusado de ser o xefe dun comando legal que estivo operando durante 2008 en Guipúscoa e ao que se lle imputa, entre outros atentados, o asasinato do empresario Ignacio Uria, segundo fontes policiais. Garitagoitia, nado o 9 de novembro de 1983 e veciño do barrio bilbaíno de Begoña, abandonou o seu domicilio e deuse á fuga a principios de xaneiro de 2008 coincidindo coa captura dos membros do ‘comando Elurra’. Itziar Plaza Fernández, alias Idoia, está acusada de formar parte do ‘comando Donosti’ entre os anos 2005 e 2006 e de participar nunha trintena de atentados. Nada en Bilbao o 13 de outubro de 1982, Plaza Fernández foi recrutada para ingresar na ETA polo dirixente etarra Ibón Fernández Iradi, en agosto de 2003.
Localidade de Pau, en Francia
1 / 4
Descargar Tarifas