PUBLICIDADE
Domingo, 21 de marzo de 2010
Despois das eleccións economía
 18.03.2008 | 12:33

O alto grao de crispación política herdado do 14-M de 2004 fixo que o debate xirara máis sobre asuntos do pasado susceptíbeis de captar a atención da cidadanía para a súa conversión en votos en lugar dunha discusión repousada sobre propostas políticas, sociais e económicas para encarar o futuro. Así, por exemplo, os temas socioeconómicos entraron na axenda só moi recentemente unha vez que o grupo opositor considerou que a desaceleración da economía podía dar réditos electorais significativos.Despexada a incógnita sobre a identidade do inquilino da Moncloa a preocupación ha de desprazarse ao deseño e posta en marcha dun programa de goberno que terá como principal desafío facerlle fronte a unha situación económica en claro retroceso onde os motores da construción e a demanda interna han de ser complementados por outros que permitan manter a economía española no carreiro do crecemento e a creación de emprego. A maioría en votos e escanos xurdida da vontade popular ratifica a aposta pola España plural, a derrota do modelo de recentralización deseñado polo PP e a consolidación dun sistema bipartidista só alterado naquelas autonomías chamadas históricas (Catalunya, País Vasco-Navarra, Galicia) co mantemento de forzas políticas que revelan unha estrutura diferente de preferencias e sensibilidades. O novo mapa político ratifica a necesidade imperiosa de redefinir institucións aínda centralizadas no ámbito da política (Senado), xustiza (Tribunal Constitucional), medios de comunicación e cultura pero tamén lle afecta á economía pois demostrouse que determinados territorios desexan contar con institucións de autogoberno con maior nivel de competencias e autonomía na toma de decisións e na política orzamentaria. No ámbito estritamente económico, a nova maioría haberá de utilizar o superávit fiscal en políticas de medio e longo prazo orientadas a atopar novas fontes do crecemento que poidan traducirse en melloras da competitividade en busca dunha demanda externa que segue a medrar polo desenvolvemento das economías de Asia, a India e algúns países de Europa do Este, África e Latinoamérica. Non é xa sostíbel medrar só en base á demanda interna e á economía do cemento e cómpre investir en tecnoloxía e coñecemento para xerar produtos e servizos comercializábeis na aldea global permitindo a asignación de fondos ás institucións autonómicas e ás empresas privadas no convencemento de que tales axentes están máis capacitados para captar as potencialidades dos propios recursos e implementar as medidas que permitan crear actividades rendibilizábeis no mercado global. O déficit exterior de España non pode manterse nun horizonte certo de perda dos fondos europeos. O superávit orzamentario tamén ha de utilizarse para políticas sociais e modulación do ciclo a curto prazo pero isto é máis fácil e ademais xa foi proposto polos grupos políticos que acadaron a maioría parlamentaria nestas eleccións.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río