Ninguén vai chorar a Juan Ramón López Caro. Marcha de Vigo nunha noite de chuvia, pola porta de atrás, co prestixio a cero. As súas promesas de profesionalidade e cabeciña foron esvaecéndose por mor da súa falta de instinto para dirixir os seus xogadores.
De todos os xeitos, Carlos Mouriño non asinou o seu finiquito a gusto e o seu sacrificio entra dentro dunha aposta desesperada, de ludópata que, para tentar recuperar as chaves do coche na timba de póker, ofrece a escritura da casa. A directiva cumpriu todos os caprichos de López Caro, incluída a destitución de Miguel Martínez e a contratación de Pau Albertí, un preparador físico que agora ten moi complicada a súa continuidade só unhas semanas despois de chegar a Vigo. Outro que sofre pola destitución é Ramón Martínez. O director deportivo era o gran valedor do andaluz: chegou da súa man, negociaron xuntos as fichaxes de inverno e entre ambos querían resucitar o espírito daquel filial madridista que os dous compartiran no pasado.
Agora, Antonio López por fin colle as rédeas. Xa se pedira que fose el quen conducise o equipo cando se destituíu a Hristo Stoichkov. É un adestrador con experiencia e un grao de prestixio suficiente para encarreirar unha nave como a céltica. Pero iso era daquela. Segue en pé hoxe en día? É difícil dar unha resposta. Ao seu favor ten que coñece o vestiario profundamente e mantén unha estreita relación co plantel, xa que no organigrama de López Caro el tiña responsabilidade sobre esa área. Tamén parte coa vantaxe de non ter que gañar o público, que xa o coñece e é posíbel que o apoie, consciente de que el é agora máis un profesional cunha moi complicada misión ca un arribista que chega ao club con ganas de incrementar o seu bolso a costa do Celta.
Pola contra, é difícil calcular o seu grao de entendemento das necesidades do equipo. Haberá que esperar aos seus primeiros días de traballo e ao partido contra o Albacete para coñecer até que punto é crítico coa anterior etapa e busca dúas cousas: potenciar a canteira para ir cultivando o futuro (tal e como apuntaba neste mesmo blog) e resolver carencias tácticas obvias como o xogo por bandas ou a estratexia a balón parado. Aquí estaremos para ver como lle vai. Oxalá que ben.