PUBLICIDADE
Sábado, 04 de xullo de 2009
De fuxidos e de agravios
Estiven a darlle voltas estes días entre escribir sobre a actualidade municipal do concello de Tomiño, tristemente presente nos medios de comunicación, ou volver a vista atrás na historia. Optei por este último tema á espera de mellores novas, e tendo o corazón e a cabeza nos distintos afectados da quebra da nosa máis “mediática” empresa de construción.
 15.02.2008 | 13:00

Continuando coa temática do meu anterior artigo sobre a recuperación da memoria, considero que en Tomiño deuse un paso decisivo co cambio do nome das rúas franquistas. Era un dos meus compromisos coa cidadanía. Mais desde hai uns meses estou comprometida con outra causa, tamén inaprazable, que é a de conseguir que a Oliva Alonso Rodríguez se lle recoñeza como “nena da guerra”, ao igual que tantos outros nenos e nenas, condenados a un exilio inxusto e absurdo como consecuencia da guerra civil.

Oliva, ou “Vuca”, como agarimosamente a tratan e coñecen os máis próximos, é a filla máis vella de Antón Alonso Ríos, activo intelectual entre a colectividade emigrada á Arxentina, político relevante en Galiza durante a Segunda República, presidente da primeira asamblea “pro-estatuto de Galiza” e secretario do Consello de Galiza, xa no exilio xunto a Castelao. Mestre exemplar nas escolas da Aurora del Porvenir de Tomiño e brevemente deputado até que a senrazón feixista rematou co governo democrático. Acontecemento polo que se viu obrigado á separación familiar e á fuxida como un vulgar delincuente, iniciando un desterro baixo a identidade do ficticio xornaleiro portugués Afranio do Amaral e padecendo durante os tres anos da guerra incontables calamidades que mais tarde, xa na Arxentina, recollería no seu libro O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte. (Memorias dun fuxido).

Pola súa parte, “Vuca”, xunto coa súa nai Oliva Rodríguez e os seus irmáns Chamor, Ombú e Celta regresaba como podía á Arxentina desde Lisboa, para poñerse a salvo da represalia. Malia superar todos os traumas, e vivir unha vellez feliz en Lima, con noventa e dous anos, rodeada da súa familia, Vuca merece un recoñecemento oficial como nena, que foi, daquela guerra: polo desgarro familiar, polo exilio, e por ter sido privada de vivir nesta terra e ter que optar contra vontade por outro destino vital.

Por unha longa e absurda historia de papeleo burocrático, un funcionario do consulado español na capital peruana, distante do drama humano e ignorante da nosa Historia, e polo tanto alleo ao recoñecemento persoal, esixía documentación oficial acreditativa para darlle “verosimilitude” á forzosa e dramática viaxe. Requisito indispensable para poder acollerse á Lei 3/2005, pola que os nenos da guerra teñen recoñecido ese dereito.

O caso é que, pese á relevancia política do mestre natural de Silleda, e da súa fonda pegada desde 1908 ata 1936 tanto na Arxentina como en Galiza, a falta da documentación “oficial” facía imposible saldar esta débeda moral. Mais grazas á tenacidade da súa sobriña Xulia Carballo e ao empeño que puxemos uns cuantos desde Tomiño, e desde a Xunta de Galiza, estamos a piques de que se repare o agravio coa filla nonaxenaria do noso mestre, que un día foi tamén nena da guerra. Por xustiza histórica e por dignidade persoal.

Como alcaldesa do concello onde Alonso Ríos ―e Vuca ao seu carón― vivíu unha das etapas máis apaixoantes e froitíferas da súa vida, é unha satisfacción persoal poder defender a memoria de ambos, comezando a pagar a débeda de gratitude que este concello ten co ilustre galeguista. Agardamos contribuir tamén desde Tomiño a esa merecida homenaxe nacional que se está a preparar.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2009 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río