Ana Camiño . Teñen blogs e son fans da gastronomía. Pero son xa un grupo de amigos. Colámonos nunha sesión de cañas e tapas.
Reportaxe sobre os blogs gastronómicos no país. X.B./R.R.
Son moitos en Galiza, din que máis de 20. Todos teñen blogs, cadernos onde cada quen fala das súas inquietudes. E todos teñen unha común: a gastronomía.
Ir con Jorge Guitián, Manolo Gago, Salomé Cancela, Alejandro Morán e Miguel Vila de tapas é toda unha experiencia. Onde se come a mellor lamprea, cal é o mellor restaurante de Galiza e cal o do mundo centran a conversa.
Blogs
Fan fotos, falan de videos, daquel post sobre Arzak ou da primeira Xantanza onde se coñeceron. Son auténticos fans de comer, e de beber bo viño, e de internet.
Pero hai un tema estrela entre eles, onde e, sobre todo, cando, farán a súa próxima Xantanza, onde se reúnen para comer nalgún restaurante discutido e votado unha e mil veces.
Forum
Moitos deles teñen blog dende hai anos e son afeccionados á boa cociña dende hai máis. Pero as Xantanzas (que xa exportaron a Cataluña, din orgullosos), o Código Cociña e, sobre todo, o Forum Gastronómico de Santiago 2008, son a cima dun novo movemento.
O día 18 marcará o punto de inflexión. “O antes e o despois” da gastronomía en internet. Os blogastrónomos terán unha ocasión excepcional para darse a coñecer, para fomentar as súas actvidades, e para actualizar os seus blogs sen parar.
Así que, amigos, a comer e a actualizar.