Redacción . A segunda edición deste programa achega de novo un ciclo de actuacións en que tres agrupacións achegarán as súas pezas de música e de baile a 15 concellos: Verín, Carballo, Cambados, Celanova, Betanzos, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Pontedeume, Ribadavia, Monforte de Lemos, Moaña, Melide, Noia, Vilalba e Sarria.
Escena de 'Esta noite hai unha fía', do Fiadeiro
O proxecto, inserido na programación Cultura Vai, da Consellaría de Cultura e Deporte, foi presentado esta mañá no auditorio do CGAC polo director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará; o director de Xacarandaina, Henrique Peón; e o director do Fiadeiro, Javier Feijoó. Esta ruta de cantigas e bailes comeza en Vilagarcía de Arousa o 12 de xullo, e continuará até o mes de outubro.
Os espectáculos que percorren Galiza son "Esta noite hai unha fía. X aniversario", de Fiadeiro, unha recompilación do traballo desta agrupación viguesa que acadou diversos premios de Música e Baile Tradicional, e que pon a 50 persoas sobre o escenario, amais de proxeccións de vídeos; "Prestixio", froito do traballo de investigación etnográfica de Xacarandaina, nada no 92, recollendo bailes, traxes e tradicións da Costa da Morte e da bergantiñá, tamén cun elenco de 50 persoas; e "Na Algalia de Arriba", de Cantigas e Agarimos, en alusión á rúa onde asentaron a súa actividade hai máis de 50 anos. 80 persoas participan nun espectáculo conducido por unha muller a través das súas vivencias, repasando costumes e situacións cotiás que se recrean sobre o escenario.