Redacción . A Feira de Literatura Infantil e Xuvenil de Boloña é a máis importante do mundo. Durará até o xoves, 3 de abril. 20 editoras galegas participan nela.
Galiza está presente cun stand da Consellaría de Cultura e a Asociación Galega de Editores, que reúne a produción de editoras como A Nosa Terra, Everest Galicia, Tambre-Luís Vives, Sotelo Blanco, Galaxia, OQO, Nova Galicia, Kalandraka, Faktoría K, Xerais, Primera Persona, Rodeira-Edebé, Baía, Obradoiro-Santillana, Ir Indo, Biblos, Embora, Toxosoutos e Positivas, amais dos que as editoras Kalandraka, Oqo e Nova Galicia levan de seu. Para promocionar o libro infantil e xuvenil galego, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural publicou un catálogo específico titulado Galician Books for Children & Young Adults 2008, que compila un cento de títulos recentemente editados en galego neste xénero, en galego, castelán e inglés. Ofrece tamén información sobre profesionais da ilustración, autores e editoriais. Na Feira, onde participan máis de 1.200 selos de todo o mundo, difundirase tamén unha revista que ofrece unha mostra da creación contemporánea galega destinada ao público infantil e xuvenil, con artigos de escritores como Xabier P. Docampo, Xosé A. Neira Cruz, An Alfaya, Xosé Neira Vilas e Agustín Fernández Paz, entre outros. Amais, estarán presentes moitos dos autores, como Xabier P. Docampo e Ánxela Gracián, en representación de Gálix, María Reimóndez, e os ilustradores Manel Cráneo e Pinturero, como integrantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Xa este martes, Xabier P. Docampo presentará a revista internacional de arte e literatura infantil Bloc, que dirixe, e a escritora María Reimóndez presentará a tradución ao italiano da súa novela, Il club della calzetta, na sala Arteria. O mércores, 2 de abril, presentaranse os galardoados cos White Ravens 2008, entre os que se atopan O sorriso de Daniela, de Kalandraka, e Ovos duros, tamén de Oqo. Na sinatura do convenio co IBBY, a conselleira Ánxela Bugallo afirmou que a Biblioteca Nacional (dende o 2009 na Cidade da Cultura) albergará un Centro IBBY da Literatura Infantil e Xuvenil para a Diversidade Cultural que atesourará todos os fondos desta organización en linguas e culturas minorizadas. Será o segundo centro que IBBY apoie, logo do creado en Oslo (Noruega) no 1985. Amais, Compostela acollerá o XXXII Congreso Internacional do IBBY no 2010, co lema 'A forza das minorías'. O centro terá como principal obxectivo o estudo, a difusión e a promoción dos libros para a infancia e mocidade das culturas minorizadas, "para facelas visíbeis no mundo", segundo Bugallo. O centro será a primeira biblioteca internacional especializada na colección, estudo e divulgación da literatura infantil escrita en linguas minorizadas, permitirá o acceso aos seus fondos e contidos desde calquera lugar do mundo, e construirá unha rede de colaboradores a nivel internacional que permita a chegada a Galiza dos libros infantís e xuvenís que se publican en todo o mundo en linguas minorizadas.
Ánxela Bugallo no stand da Feira
Galiza, sede dun centro IBBY
Este luns entregáronse os premios Hans Christian Andersen, outorgados polo IBBY. Cultura asinou con este organismo, a maior institución internacional para a promoción e defensa do libro infantil, un convenio de colaboración para fomentar a presenza da literatura galega no ámbito internacional. Tamén se lles entregan hoxe os premios aos mellores libros do 2007 no hall Stabat Mater da Biblioteca dell'Archiginnasio. A editorial galega OQO recollerá unha das mencións polo seu Gran libro dos retratos de animais, de Svjetlan Junakovic, editado na colección Sementes de arte e dispoñíbel en cinco linguas.
Descargar Tarifas