PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
Crise alimentaria
 14.05.2008 | 13:34

A existencia de períodos de fames masivas son habituais na historia da humanidade. Xa T. R. Malthus aventurara a idea de que eran elementos estruturais do sistema, pois a taxa de medra da produción de alimentos sería insuficiente para manter a unha poboación cada vez maior. Da ciencia económica xurdiron teorías e receitas contraditorias e dalgunha maneira todas elas fan referencia a problemas reais dun espazo e momento histórico determinados.

Pois ben, nesta época da globalización os informes da FAO e doutras institucións internacionais alertan da posibilidade real de desabastecemento de cereais básicos para as dietas de subsistencia nos países pobres debido ao incremento nos prezos ocasionado polo desaxuste entre oferta e demanda acentuado pola chegada ao sector dos especuladores da actividade inmobiliaria e financiera.

Pola vía da oferta, o cambio climático con secas e anagamentos, a redución da superficie e do emprego agrario e unha liberalización que prioriza a industria sobre a produción son factores que pexan o investimento pois as taxas de beneficio desincentivan os axentes a entraren nunha actividade que require un certo grao de especialización, permanencia e garantías por parte do sistema económico e institucional. Quizais, a agricultura é un dos sectores que debería estar máis protexido e orientado á satisfacción das necesidade básicas con limitacións á especulación e á liberalización pois a autonomía e seguridade alimentar teñen que ser garantidas polas institucións político-económicas con salvagardas  ao libre funcionamento do mercado. Pola vía da demanda,  o desenvolvemento económico da China e a India e o desvío de comercio cara aos biocombustíbeis incentivado polas regulacións públicas dá lugar a un aumento da demanda que é estrutural e requirirá de cambios importantes no curto e medio prazo.

O aumento dos prezos do petróleo non fai máis que aguilloar os prezos dos alimentos pola importancia dos insumos da produción agraria e pola transformación dos biocombustíbeis en alternativa enerxética. Neste contexto, nos países pobres a ameaza de falta de alimentos é real tanto por razóns estruturais globais como pola permanencia das causas internas (desigualdade na distribución da riqueza e da renda, corrupción institucional) que impiden a posta en marcha de políticas orientadas a acadar a autonomía e a seguridade alimentar.

Esta crise requirirá propostas globais que han de compatibilizar a autonomía das políticas agrarias coa garantía de aprovisionamento para o conxunto dos países mediante a creación dunha rede de almacenaxe na que se acumule un stock de recursos xestionado por institucións humanitarias sen ánimo de lucro. A crise é tamén unha oportunidade para as multinacionais da alimentación e dos transxénicos que aproveitarán a escaseza para controlar a innovación tecnolóxica, limitar a autonomía das políticas agrarias e seleccionar as especies rendíbeis reducindo a biodiversidade.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil