
Estamos demasiado acostumados a que a dereita, é dicir o PP, adorne o seu discurso dun fundamentalismo ultraconstitucional cando a legalidade vixente comunga cos seus principios e a que, pola contra, se disfracen de insubmisos cando a maioría democrática aproba leis que non lles gustan. Fixérono con educación para a cidadanía, coa lei dos matrimonios homosexuais, coa lei antitabaco... e agora toca a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia.
Sabemos que non lles gusta nada o tema este da igualdade, porque desbarata a milenaria organización social desigual e inxusta na que cren fondamente e moito menos lles gusta o da discriminación positiva a favor das mulleres. Sexa como sexa, o que é intolerábel é que un presidente da Xunta de Galicia non cumpra cunha lei aprobada polo Parlamento á hora de formar o seu goberno.
O PSdeG-PSOE, como redactor e impulsor da Lei, e mais o BNG, como membro do goberno que a aprobou, non poden limitarse a denunciar os feitos publicamente, teñen que chegar até as últimas consecuencias e impugnar ante os tribunais o novo Goberno de Galicia. Teñen que facelo, simplemente, porque estamos a falar de defender un dereito fundamental da metade da poboación deste país, o dereito á non discriminación por razón de sexo.
Se dende as institucións non acatamos a lexislación en materia de igualdade, con que autoridade moral e legal lles imos esixir ás empresas e aos organismos privados que a respecten? Tardamos séculos en poder falar libremente da discriminación feminina, un século máis en adoptar as primeiras medidas legais para corrixila e o tema é suficientemente serio como para que se lle permita tomalo á lixeira ao primeiro que lanza un desafío. Trátase de facer algo ou mirar para outro lado e, unha vez máis, a esquerda non pode ser igual á dereita, tócalle de novo defender os dereitos dos e das cidadáns e cidadás de Galicia.
Descargar Tarifas