Redacción . Xa se coñece a selección galega absoluta de baloncesto feminino que debutará contra Euskadi o venres ás 20h00 nun torneo no que tamén están Catalunya e Portugal.
O presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, acompañado polo seleccionador galego feminino Miguel Méndez e a súa axudante nesta tarefa, Xulia Pena, presentaron as xogadoras que integrarán a selección galega no I Trofeo das Nacións que se xogará os días 16 e 17 en Santiago. As deportistas que nesta ocasión representarán a Galiza son: como bases Marta Cobián (Club Baloncesto Arxil) e Lidia Xesteira (Caja Rural Verona Norte); como escolta, Sara Gómez Ferreiros (Extrugasa); como pívots Susana Senra Pérez (Isolux Corsan Alcobendas), Ana María Román (Pío XII), Natalia Soaxe Portas (C.B. Arxil Comervía) e Maria Helena Sanchez Iglesias (Pío XII). Como alas intervirán Rexina Gómez Iglesias (Durán Maquinaria Ensino), Mónica Jorge Portela (R.C. Celta Caixanova), María Aranzazu Gómez (Rivas Futura) e Isabel Suárez Noia (Pío XII); Finalmente como Alapívot participará Cándida Navarro Llorca (Biurrarena-UPV). A gran baixa á Tamara Abalde, concentrada coa selección estatal para o preolímpico.
Imaxe da presentación do Trofeo das Nacións. FGB
Méndez salientou que a galega é unha selección que "tratará de ser un equipo con maiúsculas" e de transmitir que "se hai algún deporte de equipo, ese é o baloncesto". O seleccionador, ademais, remarcou a importancia desta comunidade no ámbito do baloncesto feminino e manifestou que o seu traballo como seleccionador baséase na "intención de facer o mellor equipo posible". Así, o actual adestrador do Celta Vigourban de Liga Feminina afirmou que este combinado "ten altura e talento nas posicións e poderá dar un bo nivel competitivo".
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega deu a coñecer os horarios de todos os encontros do Trofeo, que se celebrará no pavillón compostelán de Santa Isabel. Na primeira xornada, xogarán, en primeiro lugar, Portugal e Catalunya ás 18.00 horas. Posteriormente, chegará o debut da selección galega que terá como rival a Euskadi ás 20.00 horas. Na segunda xornada do Trofeo, o sábado día 17, desputarase o terceiro e cuarto posto ás 17.30 e a final ás 19.30. A entrada será gratis, con invitación.