O debate político sobre o financiamento autonómico ameaza con saturar as doses de demagoxia e superficialidade presentes en case todos os contenciosos que se desenvolven no escenario do Estado español.
Se houbese unha mínima racionalidade e congruencia entre os participantes na discusión sobre este asunto non sería difícil acoutar algúns criterios indiscutíbeis. Por exemplo: que o novo modelo debería incrementar o nivel de poder fiscal propio dos gobernos autónomos. Ou tamén: que o cálculo dos recursos necesarios para executar as competencias asumidas polas comunidades debería asegurar a cobertura do custo real da prestación deses servizos públicos. E por último: que o principio constitucional da cohesión territorial esixiría concretar mecanismos de reequilibrio que fixesen críbel semellante converxencia.
Admitamos que resulta complexo resolver un problema onde se cruzan dúas dinámicas de natureza diferente: propostas singulares que implican maiores doses de autogoberno e situación territorial desigual derivada do modelo económico vixente no Estado. Agora ben: constitúe unha falacia identificar autonomía fiscal cunha situación de privilexio e afirmar –tácita ou explicitamente– que só poden aspirar a ter poder fiscal propio aqueles territorios que posúen maiores niveis de riqueza relativa. A hipercentralización non asegura o desenvolvemento económico e social (lembremos o pasado franquista) e a soberanía fiscal –só por ela mesma– tampouco garante o benestar. Autonomía fiscal e suficiencia de recursos serán obxectivos compatíbeis sempre que exista vontade política.