Quebra empresarial
Comeza o xuízo polo caso Marbar
Redacción .
Logo da fuxida do empresario Manuel Martínez Barros a finais de xaneiro, 56 traballadores do grupo foron despedidos, e agora reclaman indemnizacións. Parte dos empregados xa foron recolocados noutras empresas.
26.03.2008 | 20:57
O Xulgado do Social número 5 de Vigo acollerá hoxe, a partir das 10.45 horas, a primeira vista oral convocada con motivo do despedimento dos traballadores do grupo de empresas Marbar, de Tomiño (Pontevedra), que quedaron sen emprego despois de que o propietario da construtora fuxise e permaneza aínda hoxe en paradoiro descoñecido.
Segundo confirmaron ontes do sindicato CIG, o primeiro dos xuízos refírese ao despedimento dos traballadores da canteira da empresa Granitos Tebra. Posteriormente, ás 11.00 horas, prevese que se celebre a vista oral polo despedimento dos operarios doutra das compañías pertencentes ao grupo Marbar, Granite 99.
Ademais, o próximo 1 de abril está fixado o xuízo para o caso dos traballadores de Edificacións Marbar e do serradoiro de Granitos Tebra. En total, máis de medio centenar de traballadores do grupo foron despedidos, o que provocou que ducias de empresas provedoras e os seus empregados, así como adquirentes dos pisos de que facía promoción Marbar, resultasen afectados.
O representante da CIG na Guarda, Serafín Fernández, recordou que a situación actual da empresa é de embargo preventivo, solicitado polos propios traballadores, que foron nomeados depositarios dos bens. Precisamente, a relación de bens do grupo entregouse no Xulgado e mantense a vixilancia "para evitar que poida haber roubos de material".
O dono do grupo Marbar, o empresario Manuel Martínez Barros, desapareceu a finais do mes de xaneiro pasado e, dende entón, permanece en paradoiro descoñecido. Os 56 traballadores do grupo recibiron días despois cartas de despedimento nas que se alegaban "motivos económicos".
Recolocacións
Outras empresas dos sectores que abranguía o grupo solidarizáronse coa situación dos empregados despedidos. A viguesa Movex Vial contratou a 12 traballadores, o que significa perto dunha cuarta parte do persoal. Álex García, o seu xefe de persoal, indicou a A Nosa Terra Diario, que “aínda que non tiñamos moita necesidade de aumentar o noso número de traballadores, entendemos que había persoas que quedaban nunha situación moi delicada e que debiamos colaborar".
García sinala ademais que a Movex Vial ten unha grande implicación na zona de Tomiño, xa que algúns dos seus accionistas proceden desta localidade, e por iso o despido destes traballadores era especialmente sensíbel para eles.