PUBLICIDADE
Martes, 08 de xullo de 2008
Xogou todos os minutos da liga
Coloccini: récord e posíbel despedida

Rodri Suárez O defensa do Dépor Fabricio Coloccini converterase este domingo no único xogador de campo que xogou todos os minutos do campionato tras o que podería ser o seu último encontro no equipo coruñés, algo que el mesmo nega malia o interese doutros clubs como o Barça.

Reloxo 14.05.2008 | 18:05

Fabricio Coloccini protexe un balón diante de Samuel Eto'o Fabricio Coloccini protexe un balón diante de Samuel Eto'o. Gustau Nacarino/Reuters

Dentro dos moitos alicientes que rodean o encontro do Dépor contra o Vila-Real do vindeiro domingo, no que os coruñeses poden certificar o seu regreso a Europa vía Intertoto, hai algúns que semellan menores pero que simbolizan o esforzo de toda a campaña que remata nesta xornada. Un dos máis rechamantes é o que ten como eixe a Fabricio Coloccini, que podería converterse no único xogador de campo da Liga que disputa a totalidade dos minutos da competición. Pero ademais, esa circunstancia daríase no que moitos cren que será o último partido do central arxentino no conxunto branquiazul. Dende logo, por interese doutros clubs non será. Porén, o xogador mantén que a súa primeira intención é a de continuar na Coruña.

Malia a súa xuventude (26 anos), Coloccini é xa considerado un veterano en función dos moitos anos que leva xa no fútbol europeo de elite, onde xa pasou por Alavés, Vila-Real, Atlético e Milan até chegar o Dépor a principios de 2004. Actualmente exerce a capitanía do equipo branquiazul xunto a Manuel Pablo, Valerón e Sergio mais o seu liderado faise aínda máis evidente sobre o céspede, onde exerce de alma e referencia anímica da defensa pero tamén do colectivo á hora de sumarse o ataque. Por iso, se lle considera a extensión de Lotina sobre o campo e o certo é que as súas opinións resultan moi influentes sobre o técnico, tanto que algún quixo ver a súa man detrás da decisión de apartar a Aouate da titularidade para darlla a Munúa, o que foi a semente da crise dos porteiros. Non obstante, ningún rumor foi capaz de danar a imaxe do arxentino, que vén de completar a súa mellor campaña na Liga española, e nunca mellor dito o de completar.

Polo de agora, Colo xogou todos os minutos da campaña, un rexistro que non conseguía un futbolista de campo do Dépor dende hai case medio século. De toda a Liga, só o meta do Recreativo Sorrentino pode presumir desa estadística, que -exceptuando os metas- só acadou na pasada tempada Fernando Navarro, do Mallorca. “Imos esperar a que se completen os noventa minutos deste partido que vén e despois brindar porque é complicado conseguir este rexistro máis que nada para un defensa por non cumprir o ciclo de cartóns”, afirma o arxentino, que engade un dato -o de apenas ver tarxetas- que ilustra á perfección a súa intelixencia táctica. Pero tamaña continuidade tamén hai que entendela dende o sacrificio. Coloccini ten xogado con importantes molestias e incluso arrastrando una escordadura de nocello, mais el mesmo desmente que puxera en risco ao equipo para bater o récord: “É bonito pero non me obsesiona o de participar en todos os minutos, se vira que estaba mal sería o primeiro en botarme a un lado”.

Adeus?

A falta dos noventa minutos que restan para culminar a Liga cunha impresionante marca, e seguramente cun acceso a Europa para o que os coruñeses só precisan un punto, ábrense as dúbidas sobre o futuro do central. “Non creo que o do domingo sexa o meu último encontro co Dépor”, asegura o arxentino, pero a lóxica camiña noutra dirección. A necesidade de ingresos do club -que conta cunha débeda moi importante- e o nivel que ten amosado neste curso converten a Coloccini nun dos máis ansiados obxectivos de moitos equipos para o mercado deste verán. Polo que se filtrou, o máis interesado é o Barça e o seu novo adestrador Pep Guardiola, que considera unha prioridade reforzar a zaga (especialmente logo da grave lesión de Milito) e posou o seu ollo no defensa do Dépor. Por iso, o normal é que saia, se ben por varios millóns a cambio. E tamén é seguro que se non marcha é porque Lendoiro aposta forte por construír outro Superdépor con el como referente. Podería ser xa que -ao contrario do que se dixo- o central nega que haxa un acordo verbal co club para a súa marcha: “O presidente prometeu que miraría con máis cariño as ofertas por min, pero non se comprometeu a venderme”, aclara o arxentino. Pase o que pase, o certo é que a estas alturas, siga ou non, ninguén poderá acusar a Colo de non dalo -e xogalo- todo polo Dépor.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil