Os cinco bispos galegos andaron a promover entre a súa clientela a obxección de conciencia contra a asignatura de Educación para a Cidadanía. ¿Bispos galegos?
¿Que significa? Se repito sete veces este sintagma, a súa dubidosa música atinxe o estado de amalgama amorfa. ¿Bispos galegos?
Se é certo que existen os cinco tristes bispos galegos, comprendo perfectamente a súa campaña contra un programa pedagóxico destinado a educar os cidadáns no uso da razón civil ou, entre outros asuntos, na ciencia das relacións humanas, incluídas as que determinan a liberdade de escolla persoal no que fai ao amor e ao sexo. Os cinco bispos galegos viven extramuros da Cidade, no arrabaldo da senrazón, onde gobernan as brétemas do pensamento supersticioso e as normas da moral punitiva e dogmática. “Dogma católico” era o título dunha asignatura que padecín durante os anos do meu bacharelato, no século en que imperaba o nacional-catolicismo ao servizo do franquismo que acaso os bispos galegos boten en falta.
Naqueles tempos, os devanceiros dos bispos galegos e toda a curia galaica e hispana, en promiscuo maridaxe coas xerarquías falanxistas e militares coas que colaboraron na cruzada xenocida contra a República, aplaudiron e consagraron co seu nihil obstat a asignatura de Formación del Espíritu Nacional, propaganda fascista destinada a súbditos. ¿É ese o programa de educación para a cidadanía que lles gusta aos bispos galegos? Desculpen: ¿que significa bispos galegos?