Mar Barros . Chete Lera recibirá este ano o premio Pedegree no Festival de Cans (O Porriño). O actor estradense ten unha longa traxectoria en cinema, televisión e teatro.
O actor Chete Lera (A Estrada, 1949) recibirá este ano o premio de honra que outorga o Festival de Cans, o Pedegree'08. O certame, que se celebra do 21 ao 24 de maio en Cans (O Porriño), quere recoñecer a súa traxectoria no eido cinematografía, onde traballou con algúns dos directores máis destacados do cinema español actual.
A asociación Cultural Arela, organizadora da cita, entregaralle a Chete Lera o premio a noite do venres 23 de maio no torreiro de Cans. En edicións pasadas, o galardón recaeu en figuras do talle de Antón Reixa, Luís Tosar, Celso Bugallo e Mabel Rivera.
A organización destaca de Chete Lera a súa longa carreira interpretativa, iniciada a finais dos 70 no teatro e afianzada no audiovisual, especialmente no cinema. Cómpre salientar a súa intervención en numerosas curtametraxes, algunhas delas de sinatura galega, como O río ten mans, de Beatriz del Monte, e Sandra, de Anxo de la Cruz.
No eido teatral Lera participou en numerosas montaxes con directores con directores como José Luís Gómez, Gerardo Vera e José Carlos Plaza. Con todo, do seu labor sobre as táboas destaca a dirección da Fundación Espacio Cero dende 1978 ata a súa desaparición. Recentemente, a principios do ano en curso, protagonizou a obra ¿Dónde estás, Ulalume, dónde estás?, dirixida por Juan Carlos Pérez de la Fuente, con texto de Alfonso Sastre e baseada nos últimos días de Edgar Allan Poe.
Comezou a destacar no audiovisual da man de Mario Camus, quen contou con el para a serie La forja de un rebelde, baseada na triloxía homónima autobiográfica de Arturo Barea. Lera foi axiña reclamado polos directores de cinema máis nomeados do sector español, polo que leva ás costas máis dunha trintena de rodaxes de filmes para a gran pantalla. Traballou, entre outros, con Julio Médem (La ardilla roja), Montxo Armendáriz (Secretos del corazón), Icíar Bollaín (Flores del otro mundo) e Imanol Uribe (Plenilunio e Extraños). Supuxo un importante pulo para a súa carreira o seu protagonismo en Familia, de Fernando León de Aranoa, quen o volveu chamar para Barrio, así como a súa intervención en Abre los ojos, de Alejandro Amenábar.
Novidades do festival
Unha das novidades do Festival de Cans'08 é que as producións da sección oficial que acaden os premios do xurado ás mellores curtas de ficción e animación terán unha recompensa económica. Na súa quinta edición, Cans recoñecerá con 1.500 euros cada unha as curtas premiadas polo xurado.
Recibíronse máis de 100 curtametraxes de ficción, animación e documental, entre as que se está confeccionando a selección definitiva para a sección oficial e para o “Jalpón Friki”. Ademais, houbo unha achega de 30 traballos para o concurso específico de videoclips, tamén en proceso de escolma para pechar a súa segunda edición.
A organización ten ampliar tanto o aforo coma as actividades paralelas á exhibición cinematográfica.