Redacción . Manuel Chaves, vicepresidente terceiro e ministro de Cooperación Territorial, vai crear un grupo de traballo para fixar a participación das autonomías na UE. O obxectivo do Executivo central é ampliar a presenza das comunidades nos Consellos de Ministros comunitarios.
O vicepresidente terceiro e ministro de Cooperación Territorial, Manuel Chaves, asegurou antes do inicio da Conferencia Sectorial para Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas (Carce), reunida no Senado, que lle vai propor ás autonomías a creación dun grupo de traballo 'composto por tres comunidades gobernadas polo PP e tres polo PSOE' para fixar a participación das autonomías nas institucións europeas. Neste sentido, o vicepresidente engadiu que dito grupo se encargará de "reformular" o regulamento da Carce, de "fixar" os seus obxectivos e os "modos de participación" das autonomías ante as institucións europeas. Remarcou, ademais, que o grupo de traballo deberá "indicar os obxectivos" que quere incorporar ás prioridades do Goberno na presidencia española na UE durante o primeiro semestre de 2010, e "como se participa". Así mesmo, destacou que a comisión debe ser útil tamén para "preparar a presidencia española". Doutra banda, adiantou que o propósito do Ministerio de Política Territorial é ampliar o número de Consellos de Ministros europeos onde poidan participar as comunidades, que aéa agora foron catro. "Imos amplialo a outro número onde existan competencias compartidas entre o Estado e as comunidades", subliñou. Funcionamento “con dificultades” Destacou tamén que se celebrará durante a presidencia española na UE e "seguramente en España" un Consello de Ministros de Política Territorial, no que ten intención de darlle "unha presenza importante ás autonomías". Engadiu que no devandito semestre tamén quere convocar reunións da Carce con todas as rexións europeas e outra de entidades locais europeas. Ademais, admitiu que até o de agora esta Conferencia Sectorial funcionou con "certas dificultades", e por iso o obxectivo da reunión de hoxe é "reformular totalmente" o seu contido, finalidade e funcionamento, para que axude a fixar unha posición "común" do Estado ante as institucións europeas que recolla "achegas e puntos de vista" das autonomías. Finalmente, insistiu en que durante a súa presidencia en Andalucía "conseguiuse" que as autonomías estivesen presentes en determinados Consellos de Ministros de Europa, e cualificou a experiencia como "válida" e "eficaz". Finalmente, asegurou que "ten a súa lóxica" que as Comunidades Autónomas participen nas institucións europeas porque "toman decisións que afectan" ás súas competencias.
Alberte Núñez Feixóo con Manuel Chaves nun encontro en Santiago.
Descargar Tarifas