PUBLICIDADE
Venres, 19 de marzo de 2010
Financiamento autonómico
Chaves asume o obxectivo galego do 7,1 por cento

Europa Press O vicepresidente terceiro do Goberno central e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, asume a demanda de que Galiza reciba o 7,1 por cento dos recursos dispoñíbeis no novo sistema de financiamento autonómico e anunciou que 'traballará para logralo'. Ademais, considera 'inxusto' que só pondere o criterio poboacional no novo sistema.

Reloxo 30.06.2009 | 15:01

Manuel Chaves, vicepresidente terceiro e ministro de Política Territorial. AGN Esquerda   1 / 2  Dereita  

Na rolda de prensa posterior ao encontro que mantivo co titular da Xunta en Santiago, o vicepresidente terceiro amosouse partidario de incluír os criterios de avellentamento, lingua ou dispersión no novo sistema financeiro para que Galiza alcance o seu obxectivo de recibir o 7,1 por cento dos fondos a repartir entre as autonomías. Do mesmo xeito, anunciou que o Goberno central vai estudar a proposta de Núñez Feixóo para que o retorno emigrante tamén "compute".

"Estamos de acordo en que complementar o criterio da poboación é unha forma razoábel e xusta de fomentar a igualdade", recoñeceu Manuel Chaves ao termo dunha xuntanza na que, segundo explicaron os dous mandatarios, se produciu "un notábel índice de coincidencia" entre ambos. "Por primeira vez unha reunión permítenos albergar esperanzas de poder chegar a un acordo", recoñeceu o presidente galego, que mañá se desprazará a Madrid para reunirse coa vicepresidenta económica, Helena Salgado, para seguir aproximando posturas.

De feito, Chaves recoñeceu que hoxe mesmo falará coa titular de Economía para informala dos asuntos abordados con Núñez Feixóo como previo ao encontro de mañá no que, segundo avanzou o responsábel de Política Territorial, concretaranse "cifras". No entanto, Chaves tamén recoñeceu que o "importante" non é só concretar as "cantidades" que recibirán as autonomías co novo sistema senón o deseño da súa "evolución" para os próximos anos.

"Hai que ver como se irá axustando o modelo", sentenciou Chaves. Núñez Feixóo coincidiu neste punto e recalcou que, para Galiza, o "importante non é a data" senón alcanzar un acordo que garanta a "solidariedade e a cohesión interterritorial". Fronte a iso, Manuel Chaves insistiu en que o Goberno central segue traballando coa previsión de reunir o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) antes do 15 de xullo. "Mantemos esa data de referencia", apostilou.

Dispersión e avellentamento

Por outra banda, Núñez Feixóo aproveitou o encontro para deixar sobre a mesa demandas concretas en materia de dispersión e avellentamento. Tamén esixiu que, por vez primeira, compute a poboación emigrante para a repartición dos fondos do financiamento autonómico.

En concreto, o presidente galego reclamou que a dispersión pondere un 1,2 por cento na repartición de todos os recursos do novo modelo financeiro, cando até o de agora só se aplicaba esta porcentaxe -tras o cálculo do custo de servizo por habitante- ao 50 por cento dos fondos a repartir entre as comunidades.

Con respecto ao avellentamento, o presidente galego non estipulou ningunha porcentaxe, pero demandou que se estabelezan até sete grupos de idade -intervalo de 0 a 4 anos, de 5 a 14, de 15 a 44, de 45 a 54, de 55 a 64, de 65 a 74, e de máis de 75 anos- para calcular con maior precisión o custo dos servizos e a repartición dos fondos en materia de sanidade, servizos sociais e dependencia.

O cumprimento destes tres obxectivos é, segundo Feixóo, "incuestionábel" e "asumíbel politicamente". Pola súa banda, Manuel Chaves eludiu pronunciarse acerca de se o Goberno central aceptará ou non as porcentaxes que demanda Galiza e insistiu en que o obxectivo no que se vai a traballar" é o do 7,1 por cento.

Negociacións bilaterais

Feixóo e Chaves realizaron unha avaliación positiva da reunión na que, segundo o presidente galego, a única "guía" foi o acordo selado na Cámara autonómica cos grupos da oposición -PSdeG e BNG- para "defender" os intereses da comunidade e sentar as bases dun sistema de financiamento "solidario".

Pola súa banda, Chaves eloxiou o ton "agradábel e amábel" do encontro que situou nun marco de "lealdade institucional" e insistiu en que o compromiso do Executivo estatal é o impulso dun sistema de financiamento multilateral que, matizou, é "compatíbel" coas negociacións bilaterais para que o Estado poida coñecer de cerca as distintas necesidades de cada autonomía. Iso si, coincidiu con Núñez Feixóo en que o obxectivo final debe ser un sistema solidario "que trate a todos por igual".

No canto á xuntanza que manteñen hoxe en Valencia un grupo de comunidades que reformaron os seus estatutos de autonomía na pasada lexislatura -Andalucía, Aragón, Catalunya, Comunidade Valenciana, Illas Baleares e Castela e León-, Manuel Chaves desvinculouna do financiamento autonómico. "Trátase dunha nova reunión daqueles territorios que contan cun estatuto de terceira xeración e xa houbo outros", indicou Chaves e concluíu que "non ten absolutamente nada que ver co financiamento".

Así mesmo, recordou que no outono se reunirá a conferencia de presidentes autonómicos -convocada polo presidente do Goberno central, José Luís Rodríguez Zapatero- para abordar outros asuntos de interese para as comunidades.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río