Europa Press . Varios centos de persoas concentráronse este mércores diante dos xulgados composteláns para apoiar a concentración da Mesa pola Normalización Lingüística a prol do uso do galego na Administración de Xustiza.
Segundo explicou o presidente da Mesa, Carlos Callón, a concentración simbólica organizouse co gallo da súa citación para declarar por un suposto delito de calumnias e inxurias contra o xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga. Callón lembrou que o maxistrado o denunciou por mor dunhas declaracións en defensa da lingua realizadas tras saber que Antonio Fraga denunciara un veciño da cidade herculina por solicitar recibir as notificacións "en galego e co topónimo oficial". Daquela, o presidente da Mesa condenou a manifestación do xuíz, quen dixo, segundo recalcou: "Non teño ningún rubor en usar a ilegalidade do topónimo A Coruña". Para Callón, esa afirmación supuxo "unha apoloxía da desobediencia da legalidade", que considerou "grave" ao tratarse dun maxistrado "que non debería guiarse por ningún outro criterio na súa función pública que non fora a plena aplicación da lei". Por iso, Callón, que decidiu non declarar porque "non estaban claros os termos da denuncia", considerou que esta denuncia "se enmarca nunha campaña moito máis ampla de demonización da asociación" que, segundo subliñou, sofre "cunha virulencia inusitada nos últimos oito meses".
Concentración simbólica da Mesa.
Descargar Tarifas