PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
O próximo sábado
Celso Dourado inaugura o seu 'eido dourado'

Redacción .  Na praia 'da pasada', a dous quilómetros da das Catedrais (Ribadeo), hai máis de 40 anos que un cativo perdeu as mans por estourarlle unha mina. Iso non foi impedimento para que se convertese nun dos artistas plásticos máis interesantes de Galiza.

Reloxo 22.06.2009 | 10:34

O Eido Dourado, en Foz O Eido Dourado, en Foz Esquerda   1 / 3  Dereita   Este sábado, fronte á mesma praia, Celso Dourado inaugura o seu eido, a súa casa, o seu fogar e tamén o lugar onde podemos ver a súa obra. Recentemente, o Museo Provincial de Lugo acolleu a mostra retrospectiva 'Arredor do debuxo', e agora poderemos gozar da súa obra pictórica dentro da súa obra arquitectónica e vital: Eido Dourado, vivenda, estudio e exposición permanente.

A través de técnicas pouco habituais, coma o pirogravado (con lume) ou co bolígrafo, Celso Dourado (Barreiros, 1960) ten unha extensa obra pictórica en que a liña ten prioridade sobre a cor, e segue, dentro da figuración, as pautas do surrealismo. As mans teñen un protagonismo notorio no que pinta, así coma os rostros, e tamén aquilo que representa dor e ruptura (fendas, cortes), mais tamén ligazón do que está roto (cordas que xuntan fragmentos).

Cando tiña oito anos, na mesma praia que agora ten diante da súa casa, "andaba ás crebas" e tivo a mala sorte de coller unha mina, que ao estourar privouno das dúas mans. Iso non lle impediu estudar arte (en Madrid, na Coruña e Lugo), e comezar a expoñer a principios dos 80. Foi a finais desa década cando botou a andar o proxecto "Eido dourado", unha autoconstrución a partir de vellas trabes, antigos postes do tendido eléctrico ou travesas de ferrocarril. Amais da casa, Dourado construíu tamén dous xardíns, un de rocalla ou "alpino", e outro de clara inspiración zen.

A festa dourada
 
O día da inauguración, este sábado 27, arrinca ás 20.00 precisamente neste xardín de rocalla, coa recepción a cargo dunha zancuda e un zancudo. Será a actriz e xornalista Comba Campoy quen conduza o acto, que inclúe a intervención do alcalde, Alfonso Puente, do delegado de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, e da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro.

Entre as actuacións musicais, Vadim Yukhnevich interpretará "Cantigas do maio", do Zeca Afonso, na ponte de pedra, e poderase escoitar tamén a Tino Baz, Miro Casabella, Manolo Panforreteiro (gaita), Xurxo Varela (viola da gamba) e Oleksander Savchuk (viola). Haberá tamén unha intervención poética de Xabier Cordal, no xardín zen, e intervirá o escultor Juan Puchades.

Xa pola noite, na galería de arte, a voz de Paulina Ceremuzynska, que interpreta cantigas medievais, precederá a apertura oficial a cargo do propio Celso Dourado.  A festa-concerto comezará por volta das 23.00, con Xurxo Souto como mestre de cerimonias, e tocarán Miro Casabella e Tino Baz, mentres que o artista circense Andrés Pámpano realiza as súas intervencións entre o público.

Tamén escoitaremos cantar a Jara Ortiz, de Lúa da Fouce, e de novo a Vadim Yukhnevich, co acordeón, acompañando a Harry á gaita búlgara. A danza do ventre de Mónica, acompañada pola percusión de Antonio, o canto de Maureen e Petra, o grupo Kibitka, conexión entre os sons galegos e do leste de Europa, ou Café Cachaza serán outras das actuacións da noite.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río