PUBLICIDADE
Mércores, 14 de maio de 2008
Seguen os actos no ano do poeta
Celanova acolle unha homenaxe a Curros Enríquez

Redacción .  Continúan os actos dedicados a unha figura referencial no noso xornalismo e na nosa literatura, no centenario da súa morte.

 09.05.2008 | 11:40

Manuel Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez
A tataraneta de Manuel Curros Enríquez, Miryam Gilbertson, participará, xunto con outros familiares do autor, nos actos conmemorativos que terán lugar na localidade ourensá. Ás 13.00 deste sábado 10 de maio, recibirase ás autoridades e a Banda Municipal tocará na Praza Maior de Celanova. Está prevista a asistencia do ministro de Cultura, César Antonio Molina, e da conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo.

A voz de María do Ceo fará rexurdir varios poemas de Curros Enríquez. O seu disco María do Ceo canta aos poetas de Celanova presentarase o 11 de xuño na Casa de Galicia en Madrid, e nel recolle poemas do propio Curros, de Celso Emilio Ferreiro, X. L. Méndez Ferrín, Armando González López e Castor Elices. Xa ás 14.00, un xantar no Mosteiro de San Rosendo servirá para lembrar os multitudinarios actos do centenario do nacemento do autor, que tivera lugar en Celanova o 16 de setembro do 51. A seguir, unha ofrenda floral perante o monumento de Curros e a inauguración dunha placa poranlle o peche á xornada, xa ás 17.00.

Inaugurarase tamén unha exposición titulada co verso do poeta "Na fronte unha estrela". A través de cen pezas orixinais, referencias bibliográficas e iconográficas, e mesmo fotografías descoñecidas até agora, achegadas pola RAG e a Fundación Curros Enríquez, poderemos achegarnos un chisco máis ao autor celanovés. Destacan as súas lentes ou a coroa coa que o nomearon "poeta nacional" en 1904, amais de todas as primeiras edicións e o libro de honra que recolle, no 1905, o seu nomeamento como membro numerario de honra na Academia.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil