Redacción . Preto de 4.000 seareiros asturianos estarán en Vigo este domingo, o que obrigou a directiva celeste a recolocar a afeccionados locais da bancada de Preferencia.
Dúas semanas despois de que uns 4.000 seguidores do Sporting de Xixón ocuparan A Malata de Ferrol para presenciar o encontro do seu equipo ante o Racing (2-2), a marea humana do club asturiano volve a Galiza, neste caso para o encontro do seu equipo ante o Celta en Balaídos (Domingo 30, 12.00). Os sportinguistas acudirán nun número moi similar ao da cidade departamental, se ben nesta ocasión as medidas de seguridade serán maiores despois de que se produciran algúns incidentes na rúa antes do encontro de ida entre grupos radicais.
Obrigado por esta circunstancia, o Real Club Celta adoptou unha serie de medidas coas que garantir a seguridade durante o partido, declarado de alto risco, e tamén para animar a afección celeste a que acuda ao campo. A maioría dos seguidores do conxunto asturiano serán situados en Preferencia e os socios celestes desta bancada serán recolocados en Tribuna, con acceso pola porta 0 e invitacións nas que se indica o número de asento que lles corresponde. A Bancada Infantil, situada habitualmente nesa mesma zona, estabelecerase en Río Baixo coas mesmas condicións que no resto dos encontros.
Os seareiros de Xixón terán un desconto de cinco euros no prezo do asento para igualar o trato recibido polos afeccionados celestes no Molinón no partido da primeira volta. Este partido ante o Spórting será o terceiro do primeiro ciclo do Taquicelta, polo que os afeccionados vigueses que asistiran aos dous anteriores partidos e presencien tamén este poderán pasar polas tendas do club para recibir a camiseta correspondente.