Manuel Vilas . Hoxe é o Día Internacional da Familia. A Vicepresidencia vén de presentar o Plan Integral de Apoio ás Familias Galegas no Foro de Cambio Demográfico que remata hoxe en Compostela. A secretaría xeral de Igualdade, Carme Adán, explica nesta conversa as claves do plan e analiza o avellentamento do país e as súas consecuencias sobre o idioma.
Acaba de presentar o IV Plan Integral de Apoio ás Familias Galegas. Un dos obxectivos é mellorar a conciliación da vida familiar e laboral das traballadoras, que medidas contemplan? Algunhas das iniciativas xa as temos en marcha, como a elaboración dunha norma que promove a plena inserción laboral. Neste sentido, o Plan serve para darlles unha orientación global a programas determinados. Por exemplo, imos facilitar servizos de asesoría ás PEMEs e ás microPEMEs –que son o tipo de empresa máis frecuente no país– para aplicar as conciliacións. Debemos ter en conta que a demografía é un dos grandes retos políticos do país. Nas dúas xornadas deste Foro de Cambio Demográfico participaron representantes doutras administracións. Que medidas están a dar resultado noutros lugares para corrixir o avellentamento? Noutras áreas de Europa están a establecer esquemas que apostan por unha forte conciliación da vida laboral e familiar a través de medidas como, por exemplo, a flexibilidade horaria. Hai que ter claro que o avellentamento de certas áreas non é responsabilidade dos individuos, as administracións deben ter en conta as variábeis demográficas no deseño das súa políticas. Por exemplo, á hora de dotar con servizos públicos ao rural. Un dos datos máis curiosos entre que saíron deste Foro é que Galiza está a cola da taxa de nacementos pero á cabeza no índice de adopcións ... Si pero as adopcións nunca van cambiar a situación da natalidade e no Foro quedou claro que Galiza ten unha das taxas de natalidade máis baixas de Europa. Hai que analizar esta circunstancia para tentar revertela. En todo caso non é un problema exclusivo das mulleres, é algo que afecta a toda a sociedade. No Plan tamén se fala de aumentar o tempo de baixa por maternidade e paternidade. Trátase de algo que escapa das competencias do seu departamento, pero ve factíbel que se poña en marcha tal medida a medio prazo? Vexo factíbel que se abra un debate sobre esta cuestión, aumentar os permisos de paternidade e maternidade é unha necesidade que hai que contemplar e por iso figura no Plan. Todos os relatores mostráronse a prol de facilitarlles máis servizos aos país e nais nese sentido a ampliación do permiso de paternidade foi un logro, pero os nenos seguen a incorporarse moi cedo as garderías, por moitas Galescolas que teñamos. O seu departamento tamén anuncia medidas para facilitar a comunicación entre xeracións. O distanciamento que se está a dar entre avós e netos pode influír negativamente na conservación da lingua galega? Recoñezo que non son unha experta neste tema, pero é certo a experiencia dos maiores está moi pouco valorada socialmente e o papel dos maiores é moi importante na transmisión da lingua. Iso é algo do que falan a miúdo as nosas poetas como, por exemplo, Chus Pato. A lingua familiar constitúe unha riqueza moi relevante para a transmisión do idioma e polo tanto cómpre non quitarlle valor á lingua das persoas que nos precederon.
A secretraria xeral de Igualdade Carme Adán. Otto