Redacción . O poeta Carlos Negro é o gañador do I Premio Victoriano Taibo, organizado pola Entidade Menor de Mordazáns, polo traballo presentado baixo o lema 'Cultivos transxénicos'. O xurado valorou 'a orixinalidade' do texto e a súa 'ironía'. O galardón, cunha dotación económica de 3.000 euros e a publicación do libro, entregarase a finais de outubro en Gondomar.
Carlos Negro
O poeta Carlos Negro (Lalín, 1970) vén de facerse co primeiro Premio Victoriano Taibo, convocado pola Entidade Menor de Morgadáns (Gondomar) que persegue recordar a figura “inxustamente esquecida” do que fora membro da Real Academia Galega.
O xurado, composto por Araceli Gonda, Marta Dacosta e Gonzalo Navaza e no que Carlos Méixome actuaba de secretario sen voto, decidiu concederlle o premio ao poeta lalinense, valorando “a orixinalidade con que se aborda o ton elexíaco, mediante o emprego da ironía e a parodia, con densidade lírica e coidado formal”.
O poema de Carlos Negro, presentado baixo o lema Cultivos transxénicos, está estruturado mediante a fórmula de entrevista xornalística e parodia o Catecismo do labrego de Lamas Carvajal. Nel, o escritor, que xa recibira anteriormente o Johán Carballeira, fai unha denuncia da morte da sociedade rural e unha análise dos síntomas desa agonía dende unha visión actual.
O premio, cunha dotación económica de 3.000 euros, unha escultura realizada polo artista Fino Lorenzo e a publicación da obra dentro da colección Victoriano Taibo do Instituto Estudos Miñoranos, será entregado no marco dunha serie de actos que terán lugar en Morgadáns a finais de outubro.
Descargar Tarifas