Xurxo González . Unha das primeiras mesas de debate versou sobre o 'cénit do petróleo', momento en que este recurso limitado entrará en declive. O debate centrouse nas alternativas ao actual modelo de produción, baseado nesta materia prima. Tamén pola mañá os colectivos implicados na loita contra a actual planta de Reganosa na ría de Ferrol expuxeron polo miúdo os seus argumentos e propostas.
A coincidencia no tempo de varios dos debates que compoñen o cerne do Foro Social Galego fai inevitábel a elección. Desde ANT achegamos as principais conclusións de dous deles, sobre o "cénit do petróleo" e o conflito con Reganosa. A primeira hora da mañá, representantes de grupos ecoloxistas e expertos no actual modelo de produción capitalista debuxaron un panorama sombrizo en relación ao esgotamento do petróleo. Todos eles están de acordo en que estamos chegando ao "cénit" de comercialización desta materia prima, isto é, o seu punto álxido, a partir do cal comezará a descender até a súa total desaparición. O actual modelo económico baséase no petróleo (produción agrícola e gandeira, enerxía, transportes, calefacción...) polo que o seu esgotamento sen alternativas viábeis suporá ben a redución dástrica da poboación mundial, ben o cambio nas formas de vida de moitos países, entre os que se contan, por suposto, os desenvolvidos. Segundo Manuel Rei, profesor e divulgador, este feito é inevitábel tamén para outras materias primas estratéxicas, como o uranio ou o cobre. Contra o mito do crecemento ininterrompido Todos os e as relatoras coincidiron en sinalar que o camiño máis xusto pasa por eliminar un dos mitos principais do sistema capitalista, o do crecemento ininterrompido, que artella o modelo económico imperante. Neste sentido, Martiño Fiz, representante do grupo ecoloxista ADEGA, sinalou que vivimos un escenario de exceso de consumo: "é necesario decrecer, cando menos en termos de PIB. Non podemos seguir sostendo o mito das ideas económicas dominantes, que consideran o crecemento do Produto Interior Bruto como o único baremo sobre a prosperidade dun Estado ou nación. Hai que empregar outro tipo de estatísticas, como o Índice de Desenvolvemento Humano, que, con eivas, dá unha idea máis próxima do benestar dun país". Neste sentido, os e as relatoras subliñaron que os estudos sociolóxicos inciden en que, superado un determinado limiar de desenvolvemento, é moi difícil subir o grao de benestar. Patricia Pena, representante da recentemente constituída Universidade Rural do Eume, sinalou que "é preciso poñer en valor os saberes e os modos de vida tradicionais". Charo Sánchez, do Sindicato Labrego Galego incidiu en reivindicar as virtudes da suficiencia alimentaria, xa que "a agricultura industrial depende do modelo petrolífero, que vai desaparecer". Non obstante, Martiño Fiz explicou que non todas as asociación ecoloxistas compartían a teoría do decrecemento económico (redución da riqueza). Por exemplo, Greenpeace, unha das máis destacadas no ámbito internacional, asume que o crecemento económico é necesario. "Queres volver aos tempos da miseria?" Unha anécdota contada por Pena deu pé a un debate sobre os modelos de consumo. Na comarca do Eume, un ancián preguntou cando a investigadora recababa datos sobre os modos de vida tradicionais: "Pero queredes volver aos tempos da miseria?" Martiño Barreiro, colaborador de organizacións como Verdegaia, preguntou desde o público a que nivel de riqueza deberiamos volver. Dito doutro xeito, a que deberiamos renunciar? "Ao transporte, a internet, á universidade, aos medicamentos?", preguntou Barreiro. Se ben as análises están claras, as alternativas non tanto. A máis citada, a apelación á responsabilidade individual como consumidores. Se temos o dereito a consumir, tamén o temos a non facelo. Martiño Fiz, de ADEGA, incidiu en que "temos que ir definindo pouco a pouco o que queremos. Teremos que aplicando o método científico de ensaio erro para ir evolucionando e adaptándonos de xeito práctico á realidade".
Mesa 'O cénit do petróleo'.
Luz Marina Torrente, presidenta da asociación que os veciños afectados por Reganosa constituíron para defender os seus dereitos, apuntou que o conflito coa regasificadora e outras empresas do grupo Tojeiro serviulle para tomar unha conciencia activa na defensa dos recursos naturais do país. "Antes eu era unha ama de casa que sentaba polas tardes a ver a televisión, pero todos os abusos aos que nos someteron fíxome tomar conciencia. Ademais decateime de que a miña loita é a mesma que a de moitos outros puntos de Galiza con problemas semellantes, e de que todos debemos apoiarnos para que non vendan o noso país".
Antes, outros representantes de movementos implicados na defensa na ría de Ferrol expuxeran de xeito detallado as súas accións e os motivos técnicos e legais polos que se opuñan a situación da planta regasificadora no interior dunha ría densamente poboada. A pesar das dificultades que os poderes económicos e políticos puxeron, incidiron na necesidade en continuar coas mobilizacións, "porque temos a razón do noso lado".
Descargar Tarifas