PUBLICIDADE
Martes, 13 de maio de 2008
Esta tarde presenta dous ensaios en Compostela
Camilo Nogueira: 'Galiza non é un recuncho, é a porta atlántica de Europa'

Redacción .  O que foi deputado no Parlamento europeo presenta dous ensaios, onde achega unha revisión da construción da Unión Europea, e outra sobre a significación de Galiza no proxecto.

 08.05.2008 | 12:10

Camilo Nogueira
Camilo Nogueira

A sede da Fundación Caixa Galicia, en Compostela, acolle na tarde deste xoves a presentación das dúas obras, editadas en Galaxia na colección Ensaio. Xunto ao autor estará o editor Vítor Freixanes. Os títulos, Europa, o continente pensado e Galiza na Unión. A porta atlántica, compleméntanse entre si, achegando reflexións sobre o proceso de construción da UE e a presenza de Galiza. Os ensaios teñen o seu xermolo nunha encarga da editorial sobre o proceso de construción de Europa. Pero, se dous terzos do libro orixinal atendían ao proceso de construción da Unión, a cuestión de Galiza en Europa adquiriu peso abondo como para facer outro ensaio complementario.

A Europa posíbel

Europa, o continente pensado, aborda o carácter histórico e político da Unión Europea, analiza o conxunto dos Tratados da UE e o proxecto de Tratado Constitucional, e relata a crise do proceso de ratificación da Constitución (que aprobaran a Convención, o Consello Europeo e o Parlamento Europeo). "Non se pode entender Europa sen contemplar a súa orixe", contounos o autor, "a revolución democrática histórica que fai que os Estados, despois das grandes guerras, inicien procesos de diálogo, de derrube de fronteiras". Pero ese proceso, que se vai afianzando cunha serie de tratados, ten unha dobre vertente: "precisamente os estados sen fronteiras resistíanse aos avances realmente revolucionarios, como a entrada do euro, a creación dun Parlamento..."

De aí que, cando se pon en marcha o proceso de ratificación da Constitución, e se obtén a negativa de Francia e dos Países Baixos, se desencadee unha crise, "que, ao cabo, revelaba estas contradiccións que existían". Nogueira contempla agora con optimismo o Tratado de Lisboa. "O proceso anterior, alén de incidir nalgunhas cuestións simbólicas, como a bandeira, o himno... Revelou que hai Estados que se resisten a facer unha Europa política, potencia civil". Unha potencia alternativa ao modelo imperialista dos EUA. "Logo dun impasse motivado pola crise, a posta en marcha do Tratado de Lisboa senta as bases para enfrontarse á globalización ou a potencias emerxentes cun modelo diferente: converterse en potencia cívica, fronte á agresividade militar". No epígrafe "A Europa esperada", formula o desafío da presenza mundial da Unión (500 millóns de persoas, a primeira potencia económica mundial) como unha potencia civil pola paz e a solidariedade.

Galiza, xa non periferia: porta do Atlántico

Pola súa banda, Galiza na Unión. A porta atlántica, analiza as consecuencias da entrada de Galiza na Comunidade Europea, salientando o esforzo histórico extraordinario da sociedade galega fronte a condicións autonómicas e estatais desfavorábeis. "Na Europa da diversidade, os Estados absolutistas foron derrotados, non teñen cabida nunha unión que recoñece 22 linguas. E as nacións sen estado deben ser recoñecidas en Europa, sobre todo nos casos en que existe unha vontade política manifesta de autodeterminación: Escocia, Gales, Flandes, Cataluña, Euskadi, Galiza..." Nese sentido, Europa é un espazo vivo para a autodeterminación, abre esa posibilidade".

Galiza afianza a súa forza en Europa da man de Portugal: "fúndense nunha nova realidade: Galiza é a comunidade á que máis exporta Portugal, e tamén a que máis lle exporta ao país. Económica e demograficamente, esta nova realidade que integran Galiza e Portugal é moi potente, non ten nada que ver con esa ideoloxía que temos interiorizada de sermos "recuncho" do Estado, cando Madrid ten unha posición moito máis afastada de Europa. Non somos periferia, senón fachada, porta ao Atlántico".

Observa tamén o proceso que levou, entre 1986 e 2006, á transformación da estrutura económica e social, ante todo agraria e rural, cara á industrial e urbana. "Malia as dificultades impostas polo goberno español, a sociedade galega saíu adiante, e agora está a xerar unha riqueza industrial que se porá de manifesto no futuro. Amais, aínda padecemos demograficamente as consecuencias dun trato discriminatorio do Estado".

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264



Publicidade:
Tel. 986 43 38 30
PDF  Descargar Tarifas


publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil