PUBLICIDADE
Sábado, 04 de xullo de 2009
Así o revelou Bugallo no Parlamento
Cal foi o deportista que máis cartos recibiu da Xunta

Redacción .  O padexeiro David Cal foi o deportista que recibiu máis apoio económico da actual Xunta segundo revelou a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, quen rexeitou a acusación do PPdeG na que se asegura que o seu departamento 'persegue' o deportista.

Reloxo 10.09.2008 | 16:01

Así o revelou Ánxela Bugallo no Parlamento Así o revelou Ánxela Bugallo no Parlamento. AGN Durante a súa intervención na sesión plenaria deste mércores, a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo amosou a súa satisfacción polos resultados dos representantes galegos nos Xogos Parolímpicos de Beixíng. Bugallo sinalou tres liñas de actuación no apoio os deportistas, as axudas a olímpicos e parolímpicos galegos, con 706.448 euros, os programas de tecnificación e a posta á súa disposición das instalacións deportivas da Xunta.

En resposta ao deputado do PP Ignacio López Chaves, quen a acusou "de perseguir" a David Cal e de "expulsalo de Galiza", a titular de Cultura e Deporte revelou que o padexeiro é o deportista que máis apoio económico recibiu da actual Xunta, con 106.000 euros en concepto de subvencións e patrocinio, dos algo máis de 700.000 que destinou ao total de deportistas.

Outros debates parlamentarios
Ademais de debater o apoio económico da Consellaría de Cultura e Deporte aos deportistas galegos, na sesión plenaria tratáronse outros temas como o Plan Sectorial de Vivenda Protexida, do departamento que dirixe Teresa Táboas, as unidades xudiciais creadas pola Consellaría de Presidencia e a taxa de desemprego, co prognóstico de Ricardo Varela.

Plan Sectorial de Vivenda

Teresa Táboas anunciou hoxe que a Consellaría de Vivenda e Solo axilizará ao máximo o Plan Sectorial de Vivenda Protexida e que o aprobará este mes "de xeito inicial" e "canto antes" de forma definitiva. Segundo apuntou, o proxecto xa está terminado e comezará en breve a súa tramitación administrativa.

Táboas sinalou que este plan cobra maior importancia debido ao período de crise económica e recordou que se mobilizarán 5.000 millóns de euros e que haberá unha carga de traballo para 300.000 empregos, entre directos e indirectos. Tamén subliñou que o proxecto prevé a construción "dun total de 45.000 vivendas con algún tipo de protección", que serán posíbeis "ao liberar 8,7 millóns de metros cadrados de solo".

Creación de unidades xudiciais


Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu, contrapuxo hoxe as 44 unidades xudiciais creadas en Galiza desde que goberna en Madrid o PSOE coas 18 logradas no anterior cuadrienio cun executivo do PP. Así o lembrou tras escoitar o 'popular' Xesús Palmou. O deputado do PPdeG denunciou que "fronte a unhas necesidades de 39 novas unidades xudiciais" para Galiza, o Goberno autonómico prevé conseguir "nove" o ano que vén. Palmou tamén censurou que os asuntos pendentes de resolución xudicial se incrementaron dende que o PP deixou o Goberno, cando os cifrou en 116.000, e aventurou que a finais de ano este número "chegará aos 160.000", polo que augurou un colapso e un caos.

Ante a reiterada petición do parlamentario 'popular' de crear de novo unha Consellaría de Xustiza, o titular de Presidencia recriminoulle que na súa etapa non priorizase as súas competencias nesta materia e recordou que o actual bipartito "incrementou un 50 por cento" o orzamento para a Xustiza respecto das últimas contas elaboradas polo PP.

Taxa de paro no 9,5%

Pola súa banda, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, prognosticou que o 2008 pecharase cunha taxa de paro do 9,5 por cento, o que significa catro puntos menos respecto ao anterior Goberno popular. Esta cifra é, ao seu entender, "máis alta do que lle gustaría aos galegos" pero "máis baixa do que quixese" a oposición do Partido Popular.

Aínda que recoñeceu que a caída da actividade derivada da crise afecta "loxicamente" a Galiza, subliñou que nos tres primeiros anos do bipartito o número de afiliacións á Seguridade Social incrementouse en 95.257 traballadores, 2.875 persoas por encima dos obxectivos marcados pola Xunta, e marcouse como obxectivo rexistrar 1.125.000 de afiliados ao termo da presente lexislatura.

A deputada 'popular' Beatriz Mato recriminoulle a Varela que "menosprece" as propostas económicas formuladas polos 'populares' e subliñou que o anterior Goberno central dirixido por José María Aznar conseguiu reducir a taxa de paro en once puntos. Ademais, acusou a Xunta de "disfrazar a realidade" e de "mentir" a máis de 12.000 persoas que quedaron en paro nos últimos doce meses, polo que lle reclamou "rigor e honestidade" ao Goberno galego. "Xa abonda de mentiras e de deturpacións", exclamou.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2009 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río