Redacción . Caixa Galicia reduciu a súa presenza na compañía eléctrica Unión Fenosa ao 3,5%. O 18 de marzo vendeu 4,57 millóns de accións por perto de 200 millóns de euros.
Caixa Galicia pasou de posuír o 9,9 por cento de Unión Fenosa a finais de decembro pasado a quedar arestora só co 3,5 da compañía que controla como accionista maioritario a construtora ACS. A entidade bancaria xa reducira a súa posición en xaneiro, cando vendeu a metade das súas accións. Agora vende un 1,5 por cento máis e queda co 3,5 por cento da compañía.
Esta operación da caixa que dirixe Xosé Luís Méndez pode indicar que no futuro Caixa Galicia intentará comprar accións dalgunha outra empresa, como xa fixo no pasado no caso de Pescanova. Outras fontes indican que en realidade a caixa fai esta operación para mellorar os seus niveis de liquidez, unha arela da maior parte das entidades bancarias mundiais nestes momentos.
Desde que hai varios anos a Corporación Caixa Galicia iniciou operacións no parqué, foi gañando diferentes posicións accionariais en punteiras empresas galegas de todos os sectores, como Pescanova ou Ence, entre outras.